A Corporación Municipal ratifica por unanimidade as 7 axudas á natalidade para familias empadroadas no municipio

 

A Corporación Municipal do Concello da Lama aprobou por unanimidade dos concelleiros presentes un total de 7 axudas para o fomento da natalidade e o empadroamento correspondentes a outros tantos cativos que naceron no municipio.

Entre os requisitos para poder ser beneficiario destas axudas figura o feito de estar estar empadroado no concello cunha antiguedade mínima de 12 meses. Esta achega é compatible con calquera outra esistente e acada un montante total por recén nado de 1.000 euros repartidos en dous pagos anuais de 500 euros.

O alcalde, Jorge Canda, defendeu no Pleno a vixencia e interse destas axudas por nacemento xa que se van consolidando cun número de sete beneficiarios que confirman a súa demanda e contribúen a axudar ás familias nos primeiros momentos de vida dos recén nados que é cando máis se necesita.

Ao mesmo tempo, salientou Jorge Canda, estas axudas a natalidade resultan de utilidade para consolidar poboación no municipio xa que é obrigado que para poder obtelas polo menos un dos proxenitores deberán cumprir a obriga de estar empadroados cunha antiguedade de polo menos 12 meses.

Por outra banda, a Corporación Municipal aprobou as mocións presentadas polo Grupo do Partido Popular relativa á petición ao Goberno de España que non se leve a cabo a revisión do delicto de sedición; outra para loitar contra a ocupación ilegal e mellora da convivencia veciñal e a protección da seguridade das persoas e cousas nas comunidades de propietarios; e outra instando ao Goberno a adoptar un conxunto de medidas urxentes para paliar os efectos ambientais e económicos derivados dos incendios forestais sucedidos durante o mes de xullo de 2022.

No apartado de rogos e preguntas, o concelleiro de Ciudadanos, Andrés. Cal Malleiro, pediu a substituación de contedores rotos ou con graves desperfectos no municipio, algún deles sen tapa ou sen rodas. O tenente de alcalde, David Carrera, tomou nota do rogo e sinaloulle que xa se estaba procedendo desde o Concello a repoñer os contedores e que, precisamente en breve recibirán unha nova partida para continuar coas substitucións.

Aproveitou o tenente de alcalde para facer unha reflexión sobre o uso indebido dos contedores por parte dalgúns veciños, con presenza de material de obras, enseres voluminosos, animais mortos e polas procedentes da árbores que provocan serios problemas ao servizo de recollida.

Cal Malleiro interesouse polos cheiros dos baños no centro escolar, así como pola falta de parada de autobús na liña cara Pontevedra e reclamou a limpeza das cunetas para evitar enchentas pola choiva. Ademais preguntou por un poste de telefónica que quedou aillano no camiño entre Cotiño e Antas, despois de que se fixera a ampliación do vial.

En canto aos cheiros no colexio, o alcalde Jorge Canda sinalou que se cambiou a rede de sumidoiros que pasaba polo colexio polo que de aí non procedía o problema e sospeitan de que sexa por canalizacións internas do colexio que están xa obsoletas. “Está en fase de estudio e localización”, indicou Canda.

Sobre as cunetas, o rexedor informoulle ao concelleiro de Cs que se limparan recentemente a cargo dunha empresa que fixo o traballo, pero coa choiva dos últimos días foi imposible que desaugaran totalmente, pese a que se afondaron en profundidade en previsión das enchentes.

Con respecto ao camiño do Cotiño, o tenente de alcalde David Carrera informoulle ao edil de Cs de que esa xestión estaba feita desde hai meses ante Telefónica e que incluso se ofreceu o Concello a facer a operación de retranqueo do poste, pero a empresa negouse porque é unha instalación sensible, de fibra óptica, e que unha manipulación incorrecta podería provocar unha avaría polo que tiña que ser movido por operarios da compañía ou contratados por ela e que se estaba agardando por ese proceso.

Finalmente, Andrés Cal preguntou polos problemas de goteiras detectados no Centro de Saúde a raíz das intensas choivas. Nese sentido Carrera indicoulle que xa estaba prevista a súa subsanación dentro das reparacións que se están acometendo desde hai días no centro médico.