Barcia de Seixo

BARCIA DO SEIXO, Santa Ana de. Esta parroquia do Concello da Lama pertence ao arciprestazgo de Terra de Montes e debe a súa esistencia a antiga colonización levada a cabo polo Mosteiro da Armenteira no século XII.

Atópase situada entre o monte Seixo, Portela da Cruz e a Serra do Suído polo que o seu clima é xeralmente frío e corren por ela “os ventos mareiros” da Ría de Pontevedra segundo deixou escrito o Padre Sarmiento.

A tradición e os documentos do século XIII testemuñan que un frade da Armenteira foi o fundador desta feligresía. Din que conseguiu o arcebispo de Santiago (posiblemente Pedro Muñiz) un terreo como un coiro de touro e, facendo unha correa, pudo rodear unha legua (aínda hoxe chamada Légoa de Frade) que é o espazo da Barcia.

De feito, o documento de fundación di: “A Légoa do Frade está delimitada por catro mámoas, dous no Seixo, situadas no Campo da Mámoa, outra no Campo do Seistido, a terceira na Portela da Cruz e a última no Suído, debaixo do Outeiro dos Ramos”.

Esta parroquia comprende os lugares da Barcia, Cambeses, Cernedo, Taboadelo e outros caseríos espallados ata 1867 data na que se lle engadiron os lugares de Ricobanca de Xirasga, Cernadelo e outros pertencentes a Presqueiras.

Na actualidade a parroquia comprende os lugares da Barcia, Borralleiro, Cambeses, Carballeira, Cernedo, Eido Macho, Eido Tendeira, Gabián, Raíces, Reconco, Taboadelo e Tatos.

É unha parroquia rica en ríos. Alí nace o río Verdugo e tamén pasan por ela varios regatos como o Traveso e o Ricobanca e hai varios muiños fariñeiros de grande interese etnográfico.

No seu territorio esisten minas de estaño que xa non se traballan nas inmediacións da Portela da Cruz, O Suído e Seixo. Tamén hai monumentos megalíticos como no Outeiro de Espiñeira, con signos antropomorfos (“unha man e un pé, co sitio do teouro nel”); Outeiro Grande (“un dolmen co tesouro debaixo”), A Fonte das Cortiñas, no lugar de Rotel da que “sae unha cobra moi grande cun caravel na boca e que quen logre darlle un bico nel, trocarase nunha rapariga de ouro”.

A presenza de ferro e estaño motivaron a presenza dos romanos que deixaron parte da súa impronta con pequenas calzadas que aínda se conservan.

A Igrexa Parroquial é de gran beleza e feitura arquitectónica e en fronte atópase unha eira chea de hórreos que conforman un conxunto etnográfico de gran vistosidade.

Santa Ana de Barcia. Barcia do Seixo