Xesta

XESTA, San Bartolomé de. Parroquia pertencente ao arciprestazgo do Oitavén e á diócese de Tui-Vigo. Entre as entidades de poboación máis significativas que compoñen esta parroquia están O Aredo, As Barreiras, Campelo, A Grifa, Liñares, O Outeiro, Pigarzos, Portomartiño e A Xesta.

Esta parroquia dista da capital lamense algo máis de 7 quilómetros e entre os seus accidentes xeográficos están o río Xesta e os montes Couto de acivo (906 metros de altitude sobre o nivel do mar), Couto de Luceira (841 metros) e Couto da Pena (793 metros).

O conxunto arquitectónico formado pola Igrexa Parroquial de Xesta e o seu cemiterio constitúen un dos elementos relixiosos máis vistosos e de maior atractivo turístico do municipio.

Entre os lugares para visitar está a Carballeira dos Prados onde está a capela da Virxe das Dores. En honra á Virxe celébranse todos os anos unha gran romaría a última fin de semana de xuño onde tamén se honra á Virxe de Guadalupe, debido á gran vinculación que os seus habitantes teñen coa emigración a México. A festa consiste en que un mariachi canta “As Mañanitas” á Virxe todos os 11 de Agosto ás 24:00. Ao día seguinte celébrase a festa grande baixo esta gran carballeira.

Nas inmediacións hai tamén unha praia fluvial e un local social municipal que serve de punto de divulgación da riqueza paisaxística e etnográfica de Xesta, sobre todo no tocante a aspectos relacionados coa natureza e a elementos da arquitectura civil como son os muíños.

En Pigarzos colocaron non hai moitos anos un gran cruceiro mandado erguer por emigrantes en México coa intención de significar o agradecemento ao pobo que lles veu nacer. Cando baixan as temperaturas no invernos os lugares de Pigarzos e A Grifa son dos primeiros na provincia de Pontevedra en rexistrar precipitacións en forma de neve.

San Bartolome de Xesta