Por Cristina Villaverde Ruibal
O que escoita música sente que a súa soidade, de súpeto, poboase.
Robert Browning
Contan, os que aínda o lembran por estas terras, que asubiaba xa de mañanciña mesturando notas e entoando novas composicións que máis tarde plasmaba coidadosamente en singulares e curiosos pentagramas. Hixinio, o maior e único varón de cinco irmáns, do matrimonio formado por José Cambeses Landeiro e Valentina Carrera Muiños, non tivo unha vida fácil.
Naceu no lugar de Cornide, parroquia de Antas, o 14 de xaneiro do 1900 e axiña terá que se facer cargo da familia, cando o seu pai, emigrante nas Américas, morre de súpeto lonxe da casa.
Hixinio dedicarase un tempo ó nobre oficio de carpinteiro para poder sacar adiante á familia, pero pronto centrará a súa vida no que será a súa paixón: a arte de facer música. Verdadeiro autodidacta, estudará día e noite inspirándose na musicalidade que o agasalla a paisaxe da serra que o viu nacer.
Contan que, facendo referencia a súa extrema sensibilidade, de pequeno quedou fortemente impresionado, a raíz da morte do único irmán varón que tivo e co que compartía a afección musical, tal feito suporá para el un choque emocional enorme que o fai caer nunha severa depresión provocándolle dificultades que afectarán para sempre o seu fluído verbal.
O músico vai perfilando a súa peculiar personalidade e concibindo creacións musicais. En Antas, métese a fondo no solfexo, creando escola propia. Aló polo 1925 funda a súa propia banda a «Celta», onde os rapaces varóns dos lugares pretos aprenderán acordes e combinacións musicais, formándose como futuros músicos de bandas.
Así é como, o mozo mestre dará pronto o seu persoal do de peito, instruíndo musicalmente a veciños, ós que fará vibrar mostrándolles a máxica arte de ler música.
Gozaba realmente co seu traballo, formando unha chea de números que ían tocando de pobo en pobo. Os seus amplos coñecementos permitíanlle dirixir e animar aqueles entretidos espectáculos da Galicia de principios de século, impregnados en luz e cor que modelaban as seráns-noites de festa do municipio e arredores.
Hixinio paseaba a súa música, facíao barallando tradición autóctona e rural coa cultura musical oficial que se respiraba naqueles intres.
Tamén introducía novos sons procedentes de países afastados vinculados a Galicia polo impacto migratorio.
Moitos son os que, ó falar del, fan referencia a novidade que supuxo naquel entón introduci-lo tradicional son da gaita galega nas bandas que dirixía, e asi o fixo en Cuntis ou Padrón. Na Lama estreou experiencia en Xende, resultando daquela un gran acontecemento.
Algúns compoñentes destas bandas aínda lembran hoxe as sabias ensinanzas musicais que lles amosou o animado mestre. Aqueles inesquecibles ensaios, primeiro na casa do médico no concello de abaixo, hoxe casa de D. Luis Piñeiro, e máis tarde na casa de Bugallo, ou de calquera outro compañeiro onde pintaban o aire de melodías.
Antes do inicio dos concertos vivíanse estampas de inesquecible espera. A música anunciaba a chegada da festa. Os músicos, alí detrás da igrexa, como agochados, tirábanlle lustre e pulían o son do corazón daqueles fermosos instrumentos. As xentes coñecían perfectamente aquela linguaxe musical. Era o sinal que daba o comezo a festa, mentres os rapaces brincaban polo adro á espera de saír correndo tras deles cheos de ledicia. Era unha verdadeira explosión de son.
Home virtuoso e divertido, era un perfecto mestre, elaboraba manuscritos musicais que logo enviaba a rexistrar á Sociedade de Autores de Galicia da que era socio, e hoxe conta con 46 obras rexistradas. Deste xeito, creaba música impresa que distribuía entre músicos e afeccionados.
Foi realmente un creador. Dominaba á perfección a técnica musical, e ofrecíalle ós seus discípulos a posibilidade de poder gozar e experimentar multitude de sensacións que rapaces e maiores doutra maneira endexamais percibirían. Coñecía ben e tocaba todos os instrumentos que compoñían a banda, tiña un singular dominio da música e unha especial inclinación polo Bombardino.
A música foi un medio de coñecemento extraordinario para aqueles rapaces da montaña, illados en Antas, da vida urbana. Os membros das bandas vivían aquela experiencia dun xeito especial, moitos daban parte da súa vida á música. Expostos as inclemencias do tempo, a longas horas de espera desprazábanse a pé para tocar lonxe da casa, atravesando duros e longos percorridos. Todo iso facíano rañándolle tempo ós seus traballos, ós seus oficios, roubándolle pequenos espazos á vida.
Tocaban por puro pracer, cobrando unhas moedas para os gastos, nun acto puramente simbólico. Os discípulos, lembran aqueles días en que saían a tocar fóra, pasando auténticas aventuras para poder engaiolalo público cos acordes que aprendían. A maioría deles solfexaban ben, dominaban sostidos e bemoles, xa que a aprendizaxe era labor indispensable para participar da festa musical. Non era doado, nin estaba ben quedarse en meros afeccionados. E, como outras xentes, facíano tocando unicamente de oído, sen apenas ter coñecemento de claves musicais, corcheas ou semifusas.
Deste xeito vivía a súa paixón musical, debuxando notas musicais no seus pensamentos e gozando do feitizo que provoca o deleite de facer música e tocar aqueles instrumentos de vento e percusión. A gran inquietude musical e a variada riqueza de repertorio facían del un auténtico profesional. Por aqueles anos Hixinio era o único compositor de bandas populares que tiña a provincia de Pontevedra e cumpría coa profesión transmitindo o seu amplo repertorio e coñecementos musicais con pleno academicismo ós incondicionais discípulos.
Aplicaba o seu método descoñecendo a mecánica da pedagoxía musical actual, educando músicos para ser escoitados polo pobo ó aire libre, coma facían outros directores de bandas do rural galego.
O interese e amor pola arte da música lévao no sangue, naceu coma quen di entre instrumentos pois o seu pai Xosé Cambeses e o seu avó Gregorio Cambeses formaban xa parte da banda de Antas.
Hixinio foi músico de profesión e, por riba de todo, de vocación. Posuía un oído singular e unha sensibilidade musical extraordinaria. Este feito converterao nunha persoa admirada por todos. Deixará moitos e bos amigos alá polos lugares que percorreu traballando, incluso será homenaxeado polo seu labor musical en varias ocasións despois da súa morte.
Lembrado, entre os amigos, como bo amigo dos probes, os máis achegados, entre outros foron os irmáns D. Benigno e D. Luciano Ogando e D. José Sanjurjo de Antas, D. Laureano Ventín de Gaxate, D. Albino Martínez de Fornelos, ou Don Roxelio, o ilustre e benquerido cura de Xende.
Tamén evocar hoxe os discípulos a maior parte deles xa desaparecidos. Antas celebra aínda a Hixinio nas mentes de alumnos como D. Francisco Villanueva, D. Armando Quintas Durán, D. Manuel Piñeiro ou D. Anselmo Paula. A este último, Hixinio levouno a toca-lo clarinete en varias ocasións á terra de Rosalía e os compañeiros de banda de Padrón apodárono como “O Pequeno Cambeses”.
Ó longo da súa curta vida compuxo aproximadamente 200 obras. Como a maior parte dos directores das bandas populares daquela, trataba de expresa-las súas vivencias e achega-la música ó pobo, participando en encontros de certa relevancia cultural ou social, amenizando as veladas de festa, romarías, verbenas ou tocando pezas de procesións e demais actos relixiosos.
As xentes da Lama recoñeceron pronto a súa valía como músico, e o seu labor como ensinante fixo xurdir verdadeiros amantes da música. Foi artífice do apoxeo da época dourada das Bandas do Municipio. O momento musical máis importante de Antas vivirase con Hixinio. O seu labor faralle ocupar un lugar privilexiado entre os músicos galegos.
Mestre de músicos e director de bandas, home da gran talento dedicarase ó ensino percorrendo diferentes lugares de Galicia. Despois de deixar Antas, polo ano 1931 trasládase a Ordes permanecendo aló menos dous anos como director da banda na Agrupación Musical de Órdenes.
Anos máis tarde, aproximadamente no 1933, desprazarase a traballar a Viveiro instalándose como mestre de música do conservatorio e director da Banda Municipal, onde casa con Josefa Souto Souto coa que non terá descendencia e separaranse antes da súa morte.
No 1942 pasará a dirixi-la banda das Nocedas de Monforte, ata que no 1944 desprázase a Cuntis para levar de novo a batuta da banda. De aquí chámano para traballar en Monterroso onde pasará pouco tempo.
Padrón foi o seu último lugar de traballo. Alá onde estivo Hixinio era sempre moi ben acollido, faría unha chea de amigos que lembrarano mesmo despois da súa morte.
Asi é que tódolos anos dende o fatal desenlace, a banda de Padrón, camiño de ir tocar e ó seu paso pola Lama, fai un alto no camiño e achéganse ó cemiterio de Antas e alí, diante da tumba do ilustre director, dedícanlle unha peza musical. Hoxe a tradición séguese mantendo e tódalas bandas que pasan pola parroquia fan unha paradiña no camposanto. O Concello da Lama eríxelle un monolito na súa memoria na Praza da Pedreira no ano 1999.
Hixinio entrega gran parte da súa vida a crear. Das súas partituras nacen pezas musicais que enchen de sons A Lama e toda Galicia, axiña serán moi tocadas e coñecidas, como ocorre coa lenda musical Noite do Santo Cristo, obra inédita, cuxo manuscrito atópase no arquivo da banda de Padrón, e reflicte a súa devoción polo venerado Cristo de Xende, estreada no 7 de xuño de 1941 na propia parroquia de Xende pola banda Celtas. de Antas e dirixida por el mesmo.
Cambeses foi gran propulsor de bandas populares, outra das obras destacadas é Flores de la Calle. Asi mesmo, comporá, tocará e dirixirá bailables como:
- Xotas: Zumba Loureiro, Unha tarde en Zaragoza, San Benitiño, Ei carballeira.
- Muiñeiras: ¡Arrenégote, demo!
- Chotis, Pasodobres: Atruxos, Aragón y sus cantares, Cantigas d’a Ría, Campanas de oro, Un saludo a Viveíro, Rei dos xitanos, Solo o con leche? De mis amores… Nicolás, Nicolás… ¡chis…pún!…, Viva la Legión, Ard’o eixo, carballeira, Honradez y garantía, Entra y rézale a la Virgen, Tierra gitana, La cruz de Moda.
- Vals: Silencio, El amor…
Tamén escribe obras con ritmos postos de moda pola emigración como son:
- Danzóns: Plátano verde, Una vez en la Habana, Allá en Camagüey…
- Habaneras: Negrita…
- Polcas: Natividad, La campanera…
- Tangos: A vida é un cabaret, Pepita Quintáns…
- Charlestón: Guay-guay…
- Baladas: Terra nosa…
Compón marchas coma Marcha republicana, marchas militares tan de moda naqueles tempos como Oviedo y sus héroes, Bandera de mi patria… a marcha fúnebre Adiós para siempre (dedicada á memoria do seu pai). Dianas como Libertad que tocaban ó rompe-lo día.
Contamos con escasa información que nos achegue a súa vida, quero pensar que era un artista visionario, que como moitos románticos do século XIX, trataba de amosa-lo inestimable valor e a dificultade que supón entrega- la súa vida a esta arte.
Humanista comprometido coas ideas levouno a apoia-la República e loitar contra a ditadura de Franco. Esa postura fíxoo pasar polo cárcere, durante case dous inesquecibles anos, por apoiar e formar parte da Comisión de axuda aos presos republicanos en Viveiro. Dende aquí será trasladado a cadea da illa de San Simón, pola que pasaron miles de presos. Hoxe en día estase a tratar de recupera-la memoria histórica daqueles desafortunados homes. Porén, outros pensan que ó longo deses meses estivo recluído na súa casa de Cornide, en Antas.
A terrible experiencia vivida na cadea afectaralle moitísimo. Os avatares da Guerra Civil deixarano profundamente marcado e fan del un home atormentado e preso do medo.
Quizais este fose o principal desencadeante do seu mal, o que provocou que demos e pantasmas se apoderaran periodicamente da súa mente. Estas duras crises de sombras que pensaba que o perseguían foron o principio do seu tráxico final.
Nunha destas intentará suicidarse na súa pensión de Cuntis no 1949. Quedando mal ferido, trasladarano ó Hospital Provincial de Pontevedra e días máis tarde outra crise desencadeará a súa morte. Os amargos momentos polos que pasou non lle permitirán superar endexamais os problemas.
Hixinio, amigo dos amigos, deixou unha forte pegada no corazón das xentes. Home intelixente, fráxil e extremadamente sensible, non puido supera-los silencios que lle tocou vivir.
Autora do Artigo: Cristina Villaverde Ruibal.
(Publicado no nº 4 da revista A Pedreira, no ano 2006)