Os cativos que participan na ludoteca de verán de “Concilia A Lama” deste ano tiveron a oportunidade de introducirse no mundo da compostaxe a través da posta en escena do contacontos “O Xiravai de Ecocol” dentro do proxecto didáctivo e divulgativo do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.
Mediante un contacontos, os nenos foron aprendendo as vantaxes da compostaxe dun xeito moi didáctico e sinxelo a través da intervención dunha mologuista que ía introducindo o tema a través de historias e personaxes que ían ilustrando os contos que escoitaban os pequenos.
O concelleiro responsable da implantación do proxecto de compostaxe no concello da Lama, Daniel Vidal, salientou a importancia do traballo divulgativo, sobre todo entre os cativos “porque moitas veces son eles os que tiran dos pais e dos avós nas casas para que separen e reciclen e tamén para que inicien a compostaxe. Polo tanto a implicación de todos, desde pequenos, nunha educación medioambiental saudabre e sostible é fundamental”, indicou o edil.
Asemade, o concelleiro lembrou á veciñanza que “todavía quedan 10 ou 12 composteiros individuais á disposición de quen queira unirse a este proxecto colectivo xa que estamos en condicións de facilitarlle todo o necesario, incluída unha pequena formación así como asesoramento en todo momento, a través de expertos composteiros, que acompañan ao usuario durante todo o proceso”.
Daniel Vidal recordou que o plan de implantación da compostaxe na Lama conta co reparto de 200 composteiros individuais e 3 comunitarios por todo o municipio grazas a un ambicioso proxecto subvencionado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020 da Xunta de Galicia e o Plan Compost-Revitaliza da Deputación de Pontevedra.
Vidal explicou que para levar adiante este proxecto de maneira eficiente repartíronse carteis e folletos informativos así como un vídeo para compartir en redes sociais explicando o modo de inscribirse e participar neste plan de compostaxe e tamén de como deben actuar os beneficiarios dos composteiros.
O modelo que se desenvolve na Lama baséase na cesión dos composteiros a veciños e a propietarios de pequenos negocios que teñen casas ou establecementos con horta de forma que xestionen in situ os biorresiduos nas súas propias parcelas sen ter que trasladalos a ningún outro lugar transformando os residuos nun fertilizante que poderán empregar nas súas hortas e xardíns.
Para conseguir algún dos 10 ou 12 composteiros individuais que quedan deberán dirixirse ás oficinas municipais ou chamar ao teléfono 986 76 82 38 e alí aportar o seu DNI e referencia catastral da vivenda onde se vai instalar o composteiro. A entrega dos composteiros farase por rigorosa orde de solicitude.