O Concello da Lama celebrará o Día Internacional da Muller cun acto institucional que terá lugar o vindeiro 6 de marzo ás 12:00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello, no que se renderá unha homenaxe a mulleres do municipio que destacaron pola súa traxectoria laboral e polo seu exemplo de esforzo e compromiso.
A iniciativa, organizada polo Concello da Lama en colaboración co Centro de Información á Muller (CIM), pretende recoñecer a contribución de mulleres que desenvolveron a súa vida profesional en distintos ámbitos e que, co seu traballo e constancia, abriron camiño cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Neste acto serán homenaxeadas Enma Ramos Medialdea, Lourdes Durán e Milagros Cordeiro Durán.
O alcalde da Lama, David Carrera Cal, destaca que esta celebración do 8M busca “reafirmar o compromiso coa igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, especialmente nun ámbito clave para a autonomía e a dignidade das persoas como é o acceso ao mercado laboral”.
Durante o acto tamén se porá en valor o papel das mulleres ao longo da historia, que tiveron que superar numerosos obstáculos para poder exercer o seu dereito ao traballo en condicións de igualdade, afrontando barreiras invisibles, brechas salariais e dificultades para a promoción profesional.
Desde o Concello subliñan que, aínda que se teñen producido importantes avances, continúan existindo desigualdades que é necesario seguir corrixindo coa implicación das institucións e da sociedade no seu conxunto. Neste sentido, lembran que o emprego non é só unha actividade económica, senón tamén independencia, seguridade e participación activa na construción da comunidade.
A homenaxe ás mulleres recentemente xubiladas pretende recoñecer unha vida dedicada ao traballo e, en moitos casos, á conciliación co coidado das súas familias en épocas nas que as condicións eran aínda máis complexas.
O Concello da Lama anima á veciñanza a participar neste acto conmemorativo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, unha xornada de reivindicación pero tamén de agradecemento ás mulleres que, co seu esforzo e traxectoria, contribuíron ao progreso social e económico do municipio.

