Covelo

COVELO, San Sebastián de. Parroquia pertencente ao arciprestazgo de Cotobade e á diócese de Santiago de Compostela. Os seus principais núcleos de poboación son Barbeira de Arriba, A Fírveda, O Forno, A Gateira, Laxedo, O Outeiro, O Pelete, A Perdiz, O Toxal, Valciño, Ventoselo e A Vincurada.

A Igrexa Parroquial dista da capital municipal uns 7 quilómetros. A súa construción data do ano 1734, segundo confirma unha inscrición situada na parede exterior do ábside. Nela consérvase unha cruz procesional de prata, obra de Jorge Cedeira. Conta ademais con tres cruceiros, un deles, o de Covelo, do ano 1763.

No cemiterio atópanse dous panteóns curiosos como son o de Manuel Barreiro Cabanelas, o Conde Cabanelas, e o do escultor Alejandro Cabanelas Araújo, primo do Conde, e que realizou gran parte dos escudos pétreos que se atopan no barrio de Laxedo, encagados polo filántropo Manuel Barreiro Cabanelas.

Nesta parroquia atópanse As Colonias Escolares fundadas por Manuel Barreiro Cabanelas e tamén o barrio de Laxedo, primeira ordenación urbanística no rural galego levada a cabo grazas á dirección persoal do Conde quen favoreceu o enraizamento da poboación na súa aldea grazas a entregar vivendas e bolsas económicas a parellas xóvenes que decidían instalarse en Covelo.

Manuel Barreiro Cabanelas fixo un extraordinario labor filantrópico axudando a edificar un ala do Hospital Provincial de Pontevedra, o Asilo de Ancianos e tamén outro en Río de Xaneiro, lugar ao que emigrou moi novo e onde fixo unha enorme fortuna.

San Sebastián de Covelo