XENDE, San Paulo de. Parroquia pertencente ao arciprestazgo do Oitavén e á diócese de Tui-Vigo. A Igrexa acolle o santuario do Santo Cristo de Xende, lugar de culto por excelencia non so da contorna senón tamén de gran parte da cercana provincia de Ourense. Nesta romaría, que se celebra no mes de xuño, aínda se pode ver procesionar cadaleitos que, nalgúns casos están ocupados por persoas que se ofreceron a participar neste acto de devoción tras superar unha grave enfermidade.
As entidades de poboación que conforman a parroquia de Xende están Aldea, A Baralla, Carreiras, Catadoiro, A Igrexa, Paradela e Veiga do Muíño. Dista da capital municipal casi 4 quilómetros e os seus principais accidentes xeográficos son o río Xesta, o arroio As Fontiñas e os montes Alto das Fontiñas (672 metros de altitude), Couto do Carro (649 metros), Casavella (638 metros), Couto de Pinguleta (671 metros) e A Casiña (725 metros).
Xende congrega en torno ao Santuario de Xende uns atractivos turítico-relixiosos de primeiro orde como son o viacrucis pétreo, unha grande alameda con fonte cun anxo ou cupido no seu centro, unha preciosa casa reitoral soportalada, un templete baldaquinado, varios cruceiros e petos de ánimas que conforman todo un elemento diferenciador que fai única a esta parroquia non so no municipio senón tamén nos da contorna.
Tamén por Paradela de Xende discorre unha ruta de sendeirismo de grande interese que comunica coa Fervenza de Liñares onde hai cruces de pedra e muíños que no seu día foron sustento de moitas familias na época da fame e que hoxe constitúen un importante tesouro etnográfico de enorme atractivo turístico.