ESCUADRA, San Lourenzo de. Parroquia pertencente ao arciprestazgo de Cotobade e á diócese de Santiago de Compostela. Ao norte limita coa parroquia de Caroi (Cerdedo-Cotobade); polo sur, coa Lama e Antas; polo Este coa de Covelo e polo Oeste coa de Valongo (Cerdedo-Cotobade).
Esta parroquia está conformada polos núcleos de poboación rural de Albáns, Barbeira de Abaixo, Cabanelas, Carrizáns, As Chozas, O Peso, Portela das Eiras, Rozadas, San Lourenzo, Súa Lomba e O Verdugo.
A Escuadra dista case 6 quilómetros da capital municipal e polo seu territorio discorren os ríos Barbeira e Verdugo, sendo o primeiro afluente do segundo. Pola súa beira discurre a Ruta da Liberdade e é tradicional a celebración dunha exposición e un concurso de espantallos de grande interese creativa e etnográfica.
Ademais do templo parroquial, contan coas capelas de San Lourenzo e A Nosa Señora dos Anxos, na localidade do Peso. Outro lugar digno de visitar é a Ponte de San Lourenzo, recentemente restaurada e a praia fluvial do Verdugo onde tamén hai unha ponte de gran porte e feitura que é peonil e que comunica as dúas beiras do río Verdugo.