O Concello da Lama, co apoio financeiro da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, implantará un programa de compostaxe local a nivel municipal co que reducir a fracción orgánica dos residuos.
O vindeiro día 30 de novembro os veciños e veciñas interesados en adherirse ao proxecto e recibir os materiais precisos para a elaboración de compostaxe no seu fogar, poderán inscribirse na campaña e resolver as dúbidas na materia no posto informativo que se colocará na Alameda do Concello en horario de 10:00h a 14:00h. Asemade, tamén poderán inscribirse nas dependencias municipais do Concello da Lama ou no teléfono 986 768 238.
Os requisitos de participación, tanto para os interesados que se inscriban no punto informativo como aqueles que contacten co Concello da Lama, serán:
-Deben facilitar os seguintes datos: Nome, apelidos, DNI, enderezo e referencia catastral da vivenda.
-Deben dispor dun espazo de horta e/ou xardín de superficie aprox. 50m2.
-Deben comprometerse a facer un uso responsable do composteiro cedido e a facilitar o seguimento por parte dos técnicos especialistas na materia.
A selección de participantes será por orde de solicitude.