O CONCELLO DA LAMA COMEZA A REALIZAR O PRIMEIRO REPARTO DOS SEUS 200 COMPOSTEIROS INDIVIDUAIS

O Concello da Lama comezou esta mañá a repartir os 200 composteiros individuais asignados na primera fase de instauración do sistema de compostaxe domiciliario no municipio co fin de darlle unha saída medioambiental razonable aos residuos que producimos nos nosos fogares. Ademais, estanse finalizando os traballos de instalación dos tres composteiros comunitarios no centro da vila.

O reparto destes composteiros, que alcanzou na xornada de hoxe os 54 primeiros recipientes de plástico verde, contou coa presenza do alcalde, Jorge Canda, así como do tenente de alcalde, David Carrera, e o concelleiro Daniel Vidal, encargado de impulsar desde o grupo de goberno a posta en funcionamento desta iniciativa.

Os veciños e veciñas beneficiarios desta iniciativa municipal recibían, antes de retira-los seus composteiros, unha pequena charla orientativa sobre a montaxe e funcionamento da compostaxe a través de dous mestres composteiros do programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

Os asistentes seguiron con atención as explicacións dos técnicos medioambientais do programa Revitaliza e realizaron varias preguntas relacionadas co funcionamento dos composteiros e tamén sobre os residuos que se podían botar ou non a estes recipientes.

Os técnicos explicaron que o compost que se faría nas casas debería estar operativo nun prazos aproximado de 3 meses e insistiron sobre a necesidade de que circulara ben o aire que para garantir unha boa compostaxe e evitar cheiros innecesarios e que eran fácilmente evitables.

Tamén insistiron en que o mantemento era sinxelo e doado de facer a través do aporte de madeira picada ou ben aportando pólas procedentes de podas, follas secas de especies caducifolias como carballos ou castiñeiros, etc.

O reparto destes composteiros individuais continuará no mes de decembro para seguir dando cobertura á demanda deste tipo de recipientes óptimos para realiza-la compostaxe en domicilios.