A Lama conmemorará o 8-M con varios obradoiros no colexio e unha homenaxe ás cociñeiras do comedor escolar

O Concello da Lama a través do seu Centro de Información á Muller (CIM) conmemorará o 8 de Marzo cunha serie de actividades reivindicativos e de recoñecemento público que se materializan a través de varios obradoiros sobre igualdade e contra os esteriotipos de xénero que durante a próxima semana se impartirán no CEIP da Lama e a través do recoñecemento público ás cociñeiras dos centros educativos da comarca do Verdugo-Oitavén que durante décadas foron as encargadas, a través do seu traballo, de aportar unha alimentación saudable e de calidade a centos e centos de alumnos que xantaron nos comedores escolares ao longo destes anos.

Os obradorios que porá en marcha o CIM da Lama contan cunha subvención da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero de 1.431,46 euros que serán destinados á realización de programas que teñan como finalidade o desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero, en concreto, para a realización de campañas de sensibilización e prevención de calquera forma de violencia contra as mulleres e erradicación dos esteriotipos machistas.

Deste xeito desenvolveranse catro talleres dirixidos ao alumnado de primeiro a sexto de educación primaria, onde se traballarán fundamentalmente os estereotipos de xénero e que levará a cabo durante a semana do 8 de marzo, para conmemorar o Día Internacional da Muller.

En todos os talleres mantense unha liña de traballo con visión de xénero, profundando na  finalidade do desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.

HOMENAXE DE MEI ÁS COCIÑEIRAS DOS COMEDORES ESCOLARES

Asemade, o salón de Plenos do Concello da Lama acollerá o día 8, a partir das 9:30 horas da mañá, un acto de recoñecemento público promovido pola Asociación de Mulleres en Igualdade (MEI) no que se homenaxeará ás cociñeiras dos centros educativos da comarca do Verdugo-Oitavén que ao longo destes anos, co seu traballo e dedicación, foron as responsables de achegar unha alimentación saudabre, equilibrada e de calidade a centos e centos de alumnos que pasaron polos distintos comedores escolares da zona.