O Concello da Lama conmemorou, a través do Centro de Información á Muller (CIM), o 8 de Marzo gardando un minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia de xénero. Durante o acto reivindicativo, o tenente de alcalde e concelleiro de Igualdade, David Carrera, leu un manifesto en presenza do alcalde Jorge Canda e do persoal municipal para expresar o compromiso activo do Concello da Lama a prol das políticas de igualdade e contra os comportamentos machistas.
As traballadoras do CIM, Adriana Fontaíña e Galiza Aguete, repartiron entre os asistentes ao acto varios pins conmemorativos e desplegaron carteis de rexeitamento á violencia de xénero ao tempo que o tenente de alcalde, David Carrera, lía unha declaración institucional aprobada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Por outra banda, o CIM está levando a cabo ao longo desta semana unha serie de actividades e obradoiros co alumnado do CEIP da Lama e que van orientados cara á igualdade e á erradicación dos estereotipos de xénero.
Ademais, en colaboración coa Federación de Mulleres en Igualdade da provincia de Pontevedra, FEMUPO, celebrarase o vindeiro 17 de marzo un curso de manipulador de alimentos para mulleres, a través do Plan Corresponsable, que se desenvolverá de 17 a 20 horas nas instalacións da antiga Escola Obradoiro da Lama. Na clausura entregaranse os correspondentes diplomas ás participantes que acrediten a súa capacitación.
Por outra banda, os obradoiros que se levarán a cabo no colexio e co alumnado do centro, que coordinará o CIM da Lama, contan cunha subvención da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero de 1.949,66 euros que serán destinados á realización de programas que teñan como finalidade o desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero, en concreto, para a realización de campañas de sensibilización e prevención de calquera forma de violencia contra as mulleres e erradicación dos esteriotipos machistas.
Deste xeito desenvolveranse talleres dirixidos ao alumnado de primeiro a sexto de educación primaria, onde se traballarán fundamentalmente os estereotipos de xénero e que levará a cabo durante a semana do 8 de marzo, para conmemorar o Día Internacional da Muller.
En todos os talleres mantense unha liña de traballo con visión de xénero, profundando na finalidade do desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.