O CONCELLO DA LAMA CREA A “AULA MENTOR” PARA ACHEGAR MÁIS DE 240 CURSOS DE FORMACIÓN ONLINE Á VECIÑANZA E MELLORAR A SÚA CAPACITACIÓN LABORAL

O alcalde do Concello da Lama, David Carrera, e o tenente de alcalde José Fortes abriron oficialmente a “Aula Mentor” de formación profesional online que estará a disposición da veciñanza con máis de 240 cursos online para facilitar a mellora da capacitación laboral das persoas en situación de desemprego e tamén ás que están traballando.

A “Aula Mentor”, única en toda a comarca do Verdugo-Oitavén, estará ubicada nas dependencias da Biblioteca Municipal e a Oficina de Información Xuvenil en horario de luns a venres de 8:30 a 14:30 horas e terán a disposición do alumnado que se matricule en calquera dos cursos o apoio necesario para realizar o proceso formativo desde as súas casas ou nos ordenadores dos que dispón o Concello na Axencia Municipal de Lectura da Lama.

David Carrera manifestou que “é unha nova aposta que facemos desde o Concello para facilitar ferramentas formativas aos nosos veciños e veciñas para que melloren a súa capacitación co fin de insertarse mellor no mercado laboral senón que tamén poden valer para que poidan ampliar coñecementos xa que os cursos están orientados tanto para persoas desempregadas como traballadores en activo”.

“Pensamos que sería útil para os nosos veciños poñer en marcha esta iniciativa que xestionamos ante o Ministerio de Educación e Formación Profesional co fin de achegar á Lama máis de 240 cursos que esperemos sexan do agrado e do interese da xente”, indicou Carrera.

Aula Mentor é un programa do Ministerio de Educación e Formación Profesional para a formación aberta, flexible e a distancia a través de Internet, dirixido a persoas adultas cuxa oferta formativa materialízase nun conxunto de cursos organizados en áreas formativas e deseñados con obxecto de mellorar as competencias persoais e profesionais dos potenciais destinatarios desta modalidade de ensino.

A “Aula Mentor” trátase dunha proposta formativa de carácter non formal, tal e como se caracteriza esta modalidade na Lei Orgánica 3/2020, do 29 de decembro. E, tamén, unha oferta de carácter parcial e acumulable que pode conducir á obtención dunha acreditación de competencia, segundo o establecido na Lei 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración do Sistema de Formación Profesional.

UNHA OFERTA DE MÁIS DE 240 CURSOS EN 14 ÁREAS FORMATIVAS

Actualmente, conta con máis de 240 cursos de pequena duración, organizados en 14 Áreas Formativas: administración e xestión; agraria; artes gráficas; comercio e márketing; electricidade e electrónica; hostalería e turismo; imaxe persoal; imaxe e son; industrias alimentarias; informática e comunicacións; instalacións e mantemento; seguridade e medio ambiente; servizos socioculturais á comunidade; textil, confección e pel; vidro e cerámica; competencias lingüisticas e idiomas.

O prezo por curso é de 48 euros (24 euros mensuais e teñen unha duración de dous meses) e aqueles alumnos que superen a proba presencial obterán un certificado de aproveitamento, asinado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e pola Consellería de Educación, no que figuran os contidos do curso e a súa duración.

A diferenza doutras ofertas de formación a distancia, a “Aula Mentor” conta con espazos físicos de referencia para facilitar o acceso, información de referencia para facilitar a orientación e matrícula no Programa Aula Mentor.

Permiten unha maior proximidade ao cidadán e prestar especial atención á poboación que reside en zonas afastadas de núcleos urbanos ou con dificultades para ter un punto de rede no domicilio particular.