O CONCELLO DA LAMA CONMEMORARÁ O 8-M COA LECTURA, O LUNS, DUN MANIFESTO REIVINDICATIVO E CON VARIOS OBRADOIROS PARA O ALUMNADO DO COLEXIO

O Concello da Lama conmemorará o Día Internacional da Muller o luns 10 de marzo a través da programación coordinada polo Centro de Información á Muller (CIM), consistente na lectura dun manifesto reivindicativo no Salón de Plenos da Casa Consistorial ás 12 do mediodía e a posta en marcha de varios obradoiros para o alumnado de 1º a 6º de Primaria do colexio relacionados cos estereotipos de xénero, igualdade no traballo e nas tarefas do fogar.

Para levar adiante estas iniciativas preventivas, o Concello da Lama conta cunha subvención da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero de 1.966,37 euros que serán destinados á realización de programas que teñan como finalidade o desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero, en concreto, para a realización de campañas de sensibilización e prevención de calquera forma de violencia contra as mulleres e erradicación dos esteriotipos machistas.

Deste xeito desenvolveranse distintos obradoiros co alumnado do CEIP da Lama e tamén durante o programa “Concilia A Lama Verán”. En concreto, talleres dirixidos ao alumnado de 1º a 6º de educación Primaria, onde se traballarán fundamentalmente os estereotipos de xénero e corresponsabilidade.

En todos os obradoiros mantense unha liña de traballo con visión de xénero, afondando na finalidade do desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.