ENMA RAMOS, LOURDES DURÁN E MILAGROS CORDEIRO RECIBEN UNHA HOMENAXE DO CONCELLO DA LAMA NUN EMOTIVO ACTO DE CONMEMORACIÓN DO 8M

Organizado polo Centro de Información á Muller (CIM), o Concello da Lama celebrou este venres no Salón de Plenos da Casa Consistorial un acto institucional con motivo do Día Internacional da Muller, no que se rendeu homenaxe a tres mulleres do municipio pola súa traxectoria vital e laboral.

Durante o acto foron recoñecidas Enma Ramos Medialdea, Lourdes Durán e Milagros Cordeiro Durán, ás que se lles fixo entrega dun ramo de flores e dunha metopa conmemorativa como mostra de agradecemento polo seu exemplo de esforzo, dedicación e compromiso ao longo da súa vida profesional.

No transcurso do evento interveu o alcalde da Lama, David Carrera, quen destacou a importancia de seguir avanzando cara a unha igualdade real entre mulleres e homes, así como de recoñecer publicamente a traxectoria de mulleres que contribuíron co seu traballo ao desenvolvemento social e económico do municipio.

Pola súa parte, a concelleira de Igualdade, Trinidad Fernández, puxo en valor o exemplo vital e laboral das homenaxeadas, subliñando que representan a tantas mulleres que ao longo dos anos compatibilizaron o traballo coa vida familiar e abriron camiño ás novas xeracións.

Durante o acto tamén se procedeu á lectura, por parte da concelleira Trinidad Fernánez, dun manifesto institucional en favor da igualdade, no que se reivindicou a necesidade de continuar traballando desde as institucións e a sociedade para eliminar as desigualdades e avanzar cara a unha sociedade máis xusta.

O evento contou coa asistencia de veciñanza e representantes municipais, que quixeron acompañar ás homenaxeadas nesta xornada de recoñecemento e lembranza do significado do 8 de marzo, unha data de reivindicación pero tamén de agradecemento ás mulleres que contribuíron co seu esforzo ao progreso da comunidade. O concelleiro de IPR, José Ogando Mouriño, agradeceu que fora convidado a este acto e disculpou a súa presenza debido a compromisos adquiridos con anterioridade. Tamén felicitou ás homenaxeadas e amosou a súa satisfacción porque se leven a cabo actos deste tipo.