O Pleno da Corporación Municipal de A Lama aprobou coa maioría dos edís do PpdeG e a abstención do único concelleiro presente da oposición, Andrés Cal de Ciudadanos, a Conta Xeral do 2020 cun remante de tesorería duns 490.000 euros.
O equipo de goberno presentou ante o Pleno o remate das contas do ano 2020 que contaba cun montante inicial de 1,5 millóns de euros, pero que tivo unha execución final cun investimento total de máis de 3.144.000 euros e un remantente de tesourería próximo ao medio millón de euros.
O alcalde, Jorge Canda, salientou non so a capacidade de executar o orzamento por parte do equipo de goberno senón tamén a súa boa xestión conseguindo recursos e investimentos procedentes doutras administracións que fixeron posible que se duplicara o orzamento total empregado en servizos e infraestruturas para a veciñanza.
Jorge Canda salientou tamén que a media de pago de calquera factura que chega ao Concello é de tan so 14 días, moi por debaixo dos prazos máximos que marcaban as normas de estabilidade orzamentaria previstas polos Ministerio de Facenda “o que ven a demostrar ás claras que estamos nunha moi boa situación económica, de tranquilidade e sen tensións de tesourería o que nos permite atender todas as facturas en tempo máis que razonable”, indicou o alcalde.
Por outra banda, o Pleno aprobou tres mocións presentadas polos edís do Partido Popular referentes á necesidade de instar ao goberno a tomar medidas fronte aos elevados prezos da enerxía eléctrica, outra pedindo a anulación de impostos que entraron en vigor en 2021 e a non por en marcha os aumentos e novos tributos incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia enviado a Bruselas e tamén outra en apoio á asignación de recursos do programa “Next Generation” para iniciativas ligadas ao ámbito da mobilidade sostible en concellos de menos de 50.000 habitantes.
No capítulo de rogos e preguntas, o concelleiro de Ciudadanos, Andrés Cal, solicitou información acerca do servizo de recollida de lixo así como polas medidas de seguridade sanitaria ante a nova onda derivada da pandemia de Covid-19.