A Lama volve ser, o 4 e 5 de xuño, meta e saída en dúas etapas da Epic Race Pontevedra, unha das «BTT Non Stop» máis duras de España

O tenente de alcalde David Carrera e o concelleiro de Cultur e Deportes, Daniel Vidal, mantiveron unha xuntanza de traballo con responsables da edición do 2022 da Epic Race Pontevedra que se disputará entre os días 4 e 5 de xuño sobre unha distancia de 200 ou 300 quilómetros e onde o concello da Lama será final da 4ª etapa e saída do 5º e definitivo tramo ata a capital da provincia.

A elección da Lama como punto de chegada e de saída de dúas etapas vén a confirmar a aposta da organización da Epic Race Pontevedra por este concello dentro da modalidade desta proba “BTT  Non Stop” unha das máis duras das que se disputan na Península Ibérica.

A organización espera que se supere a participación de ciclistas da edición anterior na que tomaron a saída uns 400 corredores. A proba, que está incluída no calendario da Federación Galega de Ciclismo (FGC), os corredores percorrerán uns 300 quilómetros con aproximadamente 8.500 metros de desnivel acumulado positivo, por gran parte da provincia de Pontevedra, xa sexa de forma individual, por parellas ou en equipos de 3 compoñentes, podendo no caso de ser equipos, darse substitucións nos puntos habilitados no percorrido.

Unha gran parte dos participantes son de nacionalidade portuguesa e o resto proveñen de Galicia, Madrid, Navarra, País Vasco, Andalucía, Asturias, Canarias, Castela e León, Castela-A Mancha e Extremadura e percorrerán a Lama polas parroquias de Escuadra, A Lama, Gaxate, Verducido, Antas, Xesta e Xende utilizando para elo sendeiros por terreos comunais e camiños veciñais.

A LAMA SERÁ META DA 4ª ETAPA, A MÁIS DURA E ESIXENTE

Esta proba ciclista de especial dureza está dividida en cinco etapas onde a máis longas e dura terá como protagonista a saída en Moraña e a chegada na Lama cun percorrido duns 55 quilómetros e un desnivel positivo de nada máis e nada menos que 1.450 metros o que a converten na máis complicada de toda a proba e que será definitoria de cara ao podio. Os corredores ao seu paso polo municipio deixaranse ver polas parroquias de A Lama, Xende, Antas, Xesta, Gaxate e Berducido.

Tanto o tenente de alcalde David Carrera como o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, manifestaron a súa satisfacción porque a organización da proba volver a pensar na Lama para formar parte desta proba épica que ten na beleza paisaxística e natural e no sacrificio físico parte dos seus atractivos. “É unha boa ocasión para seguir promocionando o noso concello como destino axeitado para a práctica deportiva e para o goce da natureza en familia de mil e un xeitos. Temos sendeiros, fervenzas, ríos de augas cristalinas onde poderse dar un baño, carballeiras senlleiras e toda unha serie de servizos hostaleiros que nos convirten nun lugar extraordinario para acoller este tipo de turismo que cada vez, sobre todo despois da pandemia, se está a poñer de moda porque está sendo moi demandado polos visitantes”, indicaron Carrera e Vidal.