A compañía “A Tropa de Trapo” engaiolou co seu espectáculo “4 Monos” aos nenos e nenas da Lama que se concentraron na Alameda para coñecer as historias que os transportaron a través da súa imaxinación por escenarios moi variopintos.
Esta actividade, desenvolvida na Alameda, realizouse a través da colaboración entre o Concello da Lama , o programa “Ler conta moito” da Xunta de Galicia e a Rede Galega de Bibliotecas e está pensada para estimular a imaxinación para rir, para cantar e para soñar con outro mundo posible.
Esta proposta teatral dálle a volta aos emoticonos dos monos que non escoitan, non ven e non falan para que fagan todo o contrario en catro historias, que os levan a convivir coas mulleres dunha aldea, internarse na selva amazónica, interactuar con habitantes do Sáhara, etc. Todo cunha innovadora e atraente posta en escena, onde forma e contido se complementan para reforzar a mensaxe.
A Tropa de Trapo é unha compañía de teatro formada por Marta Ortiz e Brais das Hortas e leva dez anos percorrendo a xeografía galega como un proxecto co que recollen e crean contos para levalos a escena con música en directo, ben con instrumentos habituais como con outros elaborados a partir de refugallos.
Os seus espectáculos, de carácter participativo, buscan un equilibrio entre entreter e educar, cun trasfondo social e unha vertente pedagóxica coidada. Por un lado, ritmo, música, narración áxil e pingas de humor. E, por outro, a convicción profunda da necesidade de falar de valores como a liberdade, a solidariedade, o respecto ou a igualdade.