Os nenos e nenas da Lama coñeceron outros mundos a través da imaxinación e as viaxes de Irene

Os cativos da Lama viaxaron coa imaxinación ata Guatemala guiados polos “Contos do Mundo: As Viaxes de Irene”, un contacontos realizado por Solidariedade Internacional de Galicia que chegou ata este municipio dentro das actividades que forman parte da campaña de dinamización lectora da Xunta de Galicia “Ler conta moito”, da Rede Galega de Bibliotecas, en colaboración co Concello da Lama.

As nenas e nenos, da man de Irene e cos cinco sentidos (oído, olfacto, vista, gusto e tacto), achegaráronse á cultura doutros países, neste caso Guatemala. Países que teñen paisaxes, fauna e  flora diferentes aos nosos. Países no que hai mulleres e homes que falan linguas distintas e viven de forma diferente á nosa, e están desesando mostrarnos cantos lugares do mundo temos por descubrir.

“Contos do mundo” é unha proposta educativa que pretende achegar as nenas e nenos galegos outras culturas e realidades diferentes a través de contos e lendas tradiccionais de distintos países. Deste xeito, ponse en valor a riqueza cultural e foméntase unha mirada positiva cara ao diferente.