A Murga do Naveiro, Os Val do Lérez e o Equipo Ja protagonizaron co seu humor e a boa música a noite de entroido da Lama. Durante a festa o Concello fixo entrega dos premios aos mellores disfraces individuais, parella e por grupo, repartiu chocolate con churros gratis e culminou a xornada lúdica cun baile amenizado polo dúo “Prisma”.
Previamente, os cativos da Lama gozaron dunha tarde de entroido coa animación musical do grupo “Os Ilusionistas” que amenizaron a festa tradicional lamense para as numerosas familias que se achegaron ata a carpa instalada polo Concello na Alameda para este evento.
Ademais de cantar e bailar numerosas cancións de todos coñecidas, o grupo “Os Ilusionistas” animou aos cativos a subir ao escenario e participar activamente dun entroido moi divertido.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal supervisaron en todo momento a organización do evento que resultou moi satisfactorio para as numerosas familias que se deron cita na Alameda para “recuperar” a ledica e o colorido do entroido.
O entroido da Lama continuou coa actuación das Murgas vencedoras no certame de Pontevedra. Na Alameda estiveron a Murga do Naveiro, Os do Val do Lérez e o Equipo Ja, gañador da presente edición do festival de murgas da capital do Lérez.
Durante as actuacións tivo lugar a entrega de premios de disfraces nas distintas categorías:
INDIVIDUAL:
1º GHALIZA PROFUNDA.
2º O FRADE.
3º A CATADORA DE VIÑO.
PARELLAS:
1º ESPANTALLOS DO VERDUGO.
2º OS COVOS.
3º O GUITARRISTA FANTASMA E A BESTA.
4º A FAMILIA ADAMS.
GRUPOS:
1º A FAMILIA PAIASO.
2º BENIDORM FEST.
3º A FAMILIA OURIZOS.
4º FADAS E TRASNOS.
Os encargados de entregar os trofeos foron o tenente de alcalde David Carrera e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal. Os premios foron unhas estatuiñas do Conde Cabanelas, emigrante de Covelo precursor da saída á rúa do mítico Carnaval de Río de Xaneiro.
A velada do entroido rematou cun baile de disfraces amenizado polo dúo PRISMA e pola degustación gratuíta dunha gran chocolatada con churros que serviu para repoñer forzas para afrontar a fría noite na Lama.