O Concello da Lama levou a cabo esta mañá unha sesión didáctica de presentación da Banda de Música Municipal diante do alumando de varias clases do CEIP da Lama que se interesaron polos distintos instrumentos que lle presentou o director da agrupación musical, Juan Alén Castro, e varios músicos que se achegaron ata o centro educativo.
Esta actividade, promovida polo concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, serviu de encontro entre a Banda de Música Municipal e os nenos e nenas do centro educativo cunha dobre intención, segundo o edil, “por unha banda para presentar esta agrupación aos cativos e por outra animalos a coñecer de preto os instrumentos que tocan estes músicos e ver de si somos quen de animalos a que se interesen pola apredizaxe do seu manexo”.
Segundo Vidal, “estamos moi ilusionados coa posta en marcha da Banda de Música Municipal e queremos tamén que se aproveite este tirón para fomentar o coñecemento activo da música por parte dos nenos e nenas do noso municipio. Gustaríanos moito crear o xérmolo dunha escola de música ligada á Banda coa intención de ir criando un viveiro de músicos que pouco a pouco foran tamén, no futuro, incorporándose a esta agrupación”.
Os cativos amosaron grande curiosidade e interese por varios dos instrumentos amosados como saxofóns, trompetas, caixa e o tambor que foron amosados polo director da Banda e os músicos nunha sesión moi instructiva e pedagóxica onde os cativos foron os auténticos protagonistas desta iniciativa.
O director da Banda, Juan Alén Castro, fixo unha pequena introdución das distintas carácterísticas que diferencian aos instrumentos que forman parte dunha banda e animou aos nenos e nenas presentes a palpar, sentir nas súas mans e coñecer de preto todos e cada un deles e animounos a seguir profundizando no coñecemento da música.
Esta actividade promovida polo Concello da Lama contou coa colaboración da dirección e o corpo docente do centro educativo así como da ANPA coa intención de ampliar o nivel de coñecemento e fomentar a curiosidade dos cativos polo mundo da música.