O Concello coordina o segundo envío de axuda humanitaria a Ucraína a través da Agrupación de Protección Civil Oitavén-Tea

O Concello da Lama fai un segundo envío de axuda humanitaria a Ucraína nunha semana grazas á colaboración de varios establecementos comerciais do municipio e, sobre todo, dos voluntarios da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea encargados de trasladar de xeito seguro as doazóns ata a vítimas das guerra impulsada por Rusia.

Os voluntarios volveron encher un furgón co material aportado por veciños e veciñas da Lama coa intención de incorporalo a un camión con axuda humanitaria coordinada por esta agrupación entre os concellos do seu ámbito de actuación, é dicir, Mondariz, Fornelos de Montes, Mondariz-Balneario, Covelo e A Lama que partirá con destino a Ucraína para ser distribuído a través de organismos de recoñecida solvencia no ámbito da atención humanitaria.

Entre o material recollido na Lama e coordinado polo tenente de alcalde David Carrera figuran mantas, medicamentos, alimentos para bebés, gasas, cueiros, auga osixenada, alcol, leite en po, conservas, alimentos non perecedeiros e de longa data de caducidade, etc .

A RECOLLIDA DE AXUDA SEGUE ACTIVA NO CONCELLO

O tenente de alcalde, David Carrera, agradeceu aos voluntarios de Protección Civil o traballo que están a realizar para socorrer ás vítimas da guerra de Ucraína e tamén valorou moi positivamente o espírito solidario dos veciños e veciñas da Lama, así como dos establecementos comerciais colaboradores que desde o primeiro momento se amosaron interesados en aportar axuda humanitaria para acudir en auxilio das vítimas deste conflicto.

David Carrera reiterou que se seguirá recollendo axuda humanitaria para seguir trasladándoa á xente que o precisa ben sexa, como nesta ocasión, a través de Protección Civil que levará o camión de xeito directo ata Ucraína, ou a través de organismos de solvencia humanitaria acreditada.