O CONCELLO DA LAMA CONMEMORARÁ O 25 N COA LECTURA DUN MANIFESTO E CON VARIOS OBRADOIROS DE IGUALDADE NO COLEXIO

O Concello da Lama conmemorará o 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, con varios actos entre os que destaca a lectura dun manifesto que terá lugar o luns ás 13 horas no Salón de Plenos do Consistoiro, a celebración de varios obradoiros no CEIP da Lama organizados polo Centro de Información á Muller (CIM) ao abeiro das axudas a concellos menores de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero da Deputación de Pontevedra.

Tamén terá lugar o xoves 28 de novembro ás 11 horas na Biblioteca do Colexio da Lama un Contacontos sobre igualdade protagonizado pola monologuista Manuela Varela titulado “Peques e heroas” que visibilizará tamén a eliminación de roles sexistas.

“MALETA VIAXEIRA”

Ademais, na Biblioteca Municipal da Lama segue a disposición do público, tanto adulto como infantil, toda unha colección de libros incluídos na “Maleta Viaxeira” que foi entregada pola Subdelegación do Goberno e permancerá na sala de lectura ata comezos do ano 2025.

O programa deseñado polo CIM da Lama está formado por obradoiros con motivo da celebración do 25 N centrados na prevención da violencia de xénero e no fomento da igualdade de oportunidades entre o alumnado de Educación Primaria.

Os obradoiros que conforman este programa, impartidos por persoal especializado en materia de igualdade, están dirixidos exclusivamente ao alumnado de primaria do CEIP A Lama, é dicir, aproximadamente a 66 nenos e nenas de 1º, 2º, 3º, 4º, 5º e 6º cunha duración total de seis horas.

Entre o obxectivos marcados para estes obradoiros está lograr a maior sensibilización do alumnado en materia de igualdade de xénero; dotar aos/ás participantes de ferramentas para que sexan quen de recoñecer diferentes situacións de desigualdade e machismo dotándoos/as de estratexias para abordalas; e traballara dende a escola no fomento dun pensamento crítico que axude a modificar paulatinamente as conductas socialmente arraigadas e os estereotipos por razón de sexo.

Para acadar estes obxectivos traballaranse distintos contidos como a igualdade de oportunidades versus discriminación, xénero, estereotipos de xénero e socialización diferencial, roles de xénero, machismo, sexismo, feminismo, corresponsabilidade, etc. Todos estes contidos traballaranse a través de dinámicas axeitadas á súa idade e cunha metodoloxía participativa e integradora. Serán impartidos por unha psicóloga con ampla experiencia.