O Concello da Lama consolida a súa xestión e solvencia tras aprobar as contas do ano 2021 cun superávit de 121.657,47 euros

O Pleno da Corporación Municipal da Lama aprobou as contas do exercicio 2021 que arroxan un superávit contable de 121.657,47 euros, un remanente de crédito de 1.063.467,17 euros, un remanente de tesourería para gastos de financiación afectada de 409.451,96 euros e outro para gastos xerais de 184.711,31 euros o que consolida a xestión económica do equipo de goberno e a solvencia económica do Concello da Lama.

As contas municipais do exercizo pasado evidencian que o Concello da Lama manexou un orzamento que acadou a cifra de 3.458.347,40 euros cun nivel de pagamento ordinario que fai que non existan obrigan pendentes de abonar do orzamento corrente.

O alcalde, Jorge Canda defendeu ante o Pleno a xestión realizada así como o nivel de solvencia económica que ten o Concello da Lama que atende as súas obrigas nun prazo moi inferior ao máximo fixado pola lexislación aplicada pola Lei Regulador das Facendas Locais.

Por outra banda, o Pleno aprobou tamén por unanimidade a incorporación da parcela número 3 do polígono industrial de Racelo ao inventario de bens municipais, un espazo que fora utilizada pola antiga cementeira e que agora volve a propiedade municipal e que albergará, con toda probabilidade como novo uso o parque de vehículos e o garaxe do Concello.

En canto aos festivos locais para o ano 2023, a Corporación aprobou designar o 27 de xullo e o 4 de agosto, pese á petición de Andrés Cal, voceiro de Ciudadanos, de que se cambiara o 27 polo 28 de xullo como día festivo.

Finalmente, a Corporación aprobou por unanimidade dos presentes (7 concelleiros do PPdeG e 1 de Ciudadanos) unha moción presentada polo Partido Popular na que se sometía a acordo dos edís unha declaración en contra da construción de sendos encoros nos ríos Verdugo e Oitavén como propon nalgunha das súas alternativas o estudio realizado por encargo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Na mesma moción popular aprobada polo Pleno explicítase o rexeitamento da Corporación “ás alternativas que contempla o estudio para a mellora do abastecemento de auga da zona sur da provincia de Pontevedra, nomeadamente a construción dun encoro no río Oitavén e outro no río Verdugo e manifestar a preocupación da Corporación Municipal da Lama por este tema ao tempo que avoga por implementar medidas de protección para garantir a supervivencia ecolóxica e medioambiental dos ríos Verdugo e Oitavén e o seu entorno natural”.

Ademais ínstase á “Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e por extensión o Ministerio de Transición Ecolóxica, a que rexeiten e desboten publicamente as alternativas plantexadas no “Estudio de alternativas y documento ambiental para la mejora de la garantía del abastecimiento en la zona sur de la provincia de Pontevedra e corroboren que non van emprender medidas agresivas que atenten contra os ríos Verdugo e Oitavén”.

Tamén recomendan “emprender medidas concretar para lograr un uso responsable e sostible da auga nos concellos do sur da provincia de Pontevedra para os que se realiza este estudio de mellora no seu abastecemento” e solicitan que se convoque “unha xuntanza de alcaldes e concellos implicados na que comparezca a Xunta de Galicia e o Ministerio para compartir información e abordar conxuntamente este problema que afecta non so aos 11 concellos beneficiarios do estudio senón tamén aos ribereños da conca dos ríos Verdugo e Oitavén”.