O Concello reforzará os seus servizos e capacidade operativa coa contratación de 9 persoas dentro do Plan Máis Provincia da Deputación

Nos vindeiros días comezará o proceso selectivo para a contratación por parte do Concello da Lama dun total de 9 traballadores grazas á liña 3 do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra. Deste xeito reforzanse os servizos e capacidade operativa para poder conservar e manter o funcionamento de bens e servizos municipais durante os vindeiros nove meses, desde o 1 de marzo ata o 31 de decembro de 2024.

Grazas á incorporación destes traballadores o Concello poderá acometer a reparacion dos danos sufridos polos temporais en camiños, estradas, espazos de ocio naturais e edificios municipais así como desbroces, mantemento xeral e servizos municipais.

A oferta de emprego, que terá que remitir o SEPE, consta de 3 operarios/as de movemento de terras que terán un contrato de 9 meses polo 80% da xornada laboral e estarán destinados á reparación dos danos sufridos polos temporais en camiños, estradas, espazos de ocio naturais e edificios municipais. Deberán contar co carné de conducir C-1.

Por outra banda, o Concello contratará a través deste Plan da Deputación 4 peóns forestais, tamén cun contrato de 9 meses de duración e cunha nómina que cubrirá o 80% da xornada. Estes peóns estarán asignados a labores de mantemento, acondicionamento e mellora de espazos públicos.

Finalmente, o Concello contratará un auxiliar administrativo para reforzo do departamento que desenvolve estas tarefas nas oficinas municipais, cun contrato de 9 meses e o 67% da xornada e deberá contar co título de Bacharelato ou equivalente e o CELGA 4 ou equivalente. E tamén un peón operario/a de limpeza para reforzo das tarefas de limpeza en edificios e locais municipais cunha duración de 9 meses e polo 50% da xornada.

REQUISITOS E BAREMACIÓN

Os candidatos, que terán que pasar un proceso de selección para desempeñar estas funcións, son persoas que deberán estar en situación de desemprego e inscritas no SEPE e que serán remitidos ao  Concello da Lama desde a Oficina de Emprego, quen envía un mínimo de tres candidatos por posto a cubrir.

Para a súa selección terase en conta que sexan persoas desempregadas de longa duración; mulleres con baixa cualificación; maiores de 45 anos; persoas mozas, especialmente con baixa cualificación; persoas que acrediten unha discapacidade física ou sensorial superior ao 65% ou persoas con discapacidade que presenten maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo, nos termos recollidos no último parágrafo do artigo 50.1 da Lei 3/2023, de 28 de febreiro, de emprego; vítimas de violencia de xénero; aquelas persoas que formen unha familia monoparental con fillos ou fillas ao seu cargo; e aqueles que teñan o nivel de renda máis baixa.

A Liña 3 do Plan Máis Provincia da Deputación é unha posibilidade que ten o  Concello da Lama de poder contratar persoal xa que a normativas para a estabilidade orzamentaria fan imposible outra forma de ofertar postos de traballos por parte desta administración local e se poidan atender problemas de mantemento e servizos á veciñanza que doutro xeito seríalles moi complicado abordar por si sos aos concellos.

MÁIS INFORMACIÓN NO DECRETO…