O Concello conmemora o 8-M en colaboración co colexio onde se porán en marcha varios obradoiros e o alumnado repartirá chaveiros alusivos a esta data

O Concello da Lama conmemorará este venres 8 de marzo o Día Internacional da Muller a través da programación coordinada polo Centro de Información á Muller (CIM), consistente na posta en marcha de varios obradoiros relacionados cos estereotipos de xénero, igualdade no traballo e nas tarefas do fogar e que terán como protagonistas ao alumnado de educación infantil e primaria.

Ademais durante a xornada do venres 8 de marzo terá lugar o reparto entre a veciñanza, por parte do alumnado do CEIP da Lama, duns chaveiros alusivos á conmemoración do Día Internacional da Muller confeccionados polos propios nenos e nenas. Tamén, ás 11 horas da mañá, no Salón de Plenos terá lugar a lectura dun manifesto ao que está previsto que acuda o alcalde, David Carrera, membros da Corporación e persoal municipal.

Por outra banda, sinalar que o Concello da Lama conta cunha subvención subvención da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero de 1.964,49 euros que serán destinados á realización de programas que teñan como finalidade o desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero, en concreto, para a realización de campañas de sensibilización e prevención de calquera forma de violencia contra as mulleres e erradicación dos esteriotipos machistas.

Deste xeito inclúense estes obradoiros dirixidos ao alumnado de educación infantil e primaria, onde se traballarán fundamentalmente os estereotipos de xénero e que levará a cabo durante a semana do 8 de marzo, para conmemorar o Día Internacional da Muller. En todos os talleres mantense unha liña de traballo con visión de xénero, profundando na finalidade do desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.