A Corporación Municipal do Concello da Lama aprobou cos votos favorables do Partido Popular a conxelación das taxas de recollida de lixo, auga e sumidoiros para o ano 2021 e a revisión para o 2022 co fin de mitigar o déficit económico que acumula o servizo coa intención de que non resulte gravoso para a veciñanza mentras dura a pandemia do Covid-19.
Este foi o asunto máis importante do Pleno que celebrou a Corporación Municipal do Concello da Lama onde o alcalde, Jorge Canda e o tenente de alcalde, David Carrera, espuxeron a situación deficitaria pola que atravesa a prestación do servizo de recollida de lixo, subministro de auga e conservación de rede de sumidoiros que fan que as taxas que levan sin modificarse desde hai moitos anos (a última que se subiu foi a da recollida de lixo no 2013) quedaran desactualizadas afondando no desequilibrio orzamentario destes servizos.
No argumentario defendido por David Carrera, o grupo de goberno esgrimiu que mentras outros concellos da contorna foron actualizando o cobro destas taxas, o da Lama sempre mantivo o seu compromiso de conxelación, pero os datos dos últimos tempos indican que non se poden manter así por tempo indefinido xa que o volume de lixo recollido, usuarios conectados á rede de sumidoiros e consumo do subministro de auga vai en aumento, motivado tamén polo retorno de boa parte da poboación que regresou aos seus domicilios na Lama o que fan que os gastos se disparen.
Así, segundo Jorge Canda, nos últimos seis meses o recibo que o Concello paga a Sogama polo tratamento dos resíduos sólidos urbanos pasou duns 6.000 euros a superar os 8.000, o que fala dun incremento superior ao 30% e o mesmo ocurre co consumo de auga o que obriga a subir o tratamento de potabilización, mantemento, etc.
Deste xeito, as taxas municipais pola recollida de lixo, subministro de auga e rede de sumidoiros seguirán sendo as mesmas ata o 2022, o que converte ao concello da Lama o municipio da contorna que ten o prezo máis baixo, con diferenza con respecto a outros de similares características e entidade. De feito, segundo desvelou o tenente de alcalde e voceiro do PPdeG na Corporación Municipal, David Carrera, ante o Pleno “si facemos unha comparativa cun concello de similares características da nosa contorna vemos que as nosas taxas son a metade do que lles cobran aos seus veciños e, nalgún dos casos, eles cobra casi o triple polo mesmo concepto que nós. Levamos desde o ano 2013 sen realizar ningunha actualización de taxas e o certo é que nalgún momento terán que revisarse. Nós, despois de facer unhas xestións e reequilibrio orzamentario, garantimos que non se subirán durante o vindeiro ano 2021, pero non podemos manter esta senda no 2022 porque as previsións falan de que será moi difícil, baixará a aportación do Estado aos concellos e pola vía recatoria actual vemos que non se vai resolver. A suba, que apenas chegará no 2022 a 10 euros anuais é moi moderada e tampouco cubrirá todo o desfase existente, pero polo menos axudará a financialo en parte”.
Neste sentido David Carrera desvelou que si ben entre marzo e agosto do ano 2018 se recollían 648.230 quilos de residuos sólidos urbanos, no ano 2019 esta cantidade ascendeu a 652.975 quilos e neste mesmo ano acadouse o récord de 680.955 quilos o que dá boa idea do aumento paulatino neste capítulo co custe engadido de Sogama polo tratamento destes desperdicios que “desde o confinamento e desde que sufrimos esta pandemia do Covid-19 fai que a presenza de residentes no noso municipio vaia en aumento e, en consecuencia, o lixo doméstico que estas familias van xerando. Outro dato a ter en conta é o consumo de auga que se multiplicou nos últimos seis meses por 2,5 veces o que se gastaba habitualmente nos anos 2019 e 2018”, indicou o tenente de alcalde.
Outro dos argumentos que esgrimiu David Carrera para prognosticar que dentro de dous anos terían que revisarse estas taxas vai orientado ás consecuencias derivadas da pandemia e o Covid-19 onde “seguramente as aportacións económicas do Estado aos concellos, incluído o da Lama, veranse mermadas substancialmente porque a crise económica está á volta da esquina e o poder recadatorio vai baixar substancialmente co cal o reparto de fondos de compensación ao noso municipio vai baixar consecuentemente co que nos vai facer replantexar o noso desexo de seguir conxelando e mantendo sin subir estas taxas. De tódolos xeitos, de aquí a dous anos estaremos atentos aos acontecementos e veremos si somos capaces de seguir sen alterar os recibos que desde hai unha década están pagando os nosos veciños que, hai que lembrar, son os máis baixos con moitísimas diferencia cos que pagan outros residentes en municipio próximos ao noso e de similares características”.
Na votación, o concelleiro de Ciudadano, Andrés Cal, único da oposición presente, pese a que manifestou que comprendía as razóns do equipo de Goberno, votou en contra porque a súa formación política é contraria á suba de taxas e impostos e reclamou que se revisaran as partidas orzamentarias para ver de onde se podía recurtar para facer máis sostible estes servizos. Ante esto, o alcalde díxolle que era moi complicado manter a mesma calidade dos servizos que presta o Concello reducindo partidas orzamentarias xa que estaban moi medidas e lembrou que A Lama é un concello modesto que debe seguir atendendo outro tipo de demandas sociais agora aumentadas por mor da crise económico-sanitaria derivada do Covid-19.
Por outra banda, a Corporación aprobou para o 2021 como festivos locais o martes 27 de xullo (festas de Santa Ana e San Xoaquín) e o xoves 5 de agosto (Festa das Ermidas). Tamén deu luz verde á Conta Xeral de 2019 e ao protocolo de actuación relativo á rede de concellos Ágora polo Espazo Público.
No capítulo de rogos e preguntas, o concelleiro de Ciudadanos, Andrés Cal, preguntou polo Bando que obriga a pedir cita previa para acceder ás oficinas municipais, e o alcalde explicoulle que o Concello da Lama foi un dos últimos en adoptar estas medidas aínda que recoñeceu que tivo que facelo porque últimamente coincidían nun espazo moi pequeno, na entrada, nas oficinas xerais, en Servizos Sociais e no Xulgado de Paz moitísima xente ao mesmo tempo facendo imposible segui-las mínimas medidas de distanciamento social o que aconsellaba, por seguridade non so dos funcionarios senón das persoas que se achegaban ata o Consistorio, a facelo de xeito ordenado e espaciado a través da cita previa como método que están a seguir tódalas administracións do Estado. Segundo dixo Canda, de momento está funcionando ben e a xente é comprensiva coa nova normalidade.