O tradicional ‘Xantar da Terceira Idade’ que organiza o Concello da Lama na Carballeira das Ermidas reuniu hoxe a unhas 300 persoas entre as que se atopaba o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, o presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez e membros da Corporación Municipal.
A comida estivo amenizada pola Charanga Os Encerellados, de Campo Lameiro, que ofreceron aos asistentes o seu habitual repertorio a base de cancións de moda dándolle tamén unha nota de humor a esta celebración que recupera o seu esplendor despois de dous anos de parón obrigado polas restricións impostas pola pandemia da Covid-19.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, agradeceu a presencia do presidente da Xunta e tamén dos veciños e veciñas que se xuntaron baixo os carballos centenarios das Ermidas para continuar fieis coa vella tradición de celebrar o Xantar da Terceira Idade.
Canda aproveitou a presenza de Rueda para recordarlle que a Xunta ten que continuar a mellora da PO-244 a Portela da Cruz e solicitoulle unha intervención para sanear e recuperar a Carballeira das Ermidas, lugar que acolle tradicionalmente esta celebración.
Pola súa banda, Alfonso Rueda sinalou que recollía o recado e comprometeuse a rematar coa mellora emprendida polo Goberno da Xunta nesta estrada e tamén a estudiar en que forma se podía colaborar e contribuír a conservar e potenciar este espazo natural incomparable como é a Carballeira das Ermidas.
Esta celebración adoita ser tamén unha cita obrigada para que os maiores do municipio e os residentes no exterior protagonicen un reencontro estival e así o lembrou o propio alcalde Jorge Canda e o presidente da Xunta quen amosou o seu orgullo polos nosos emigrantes “auténticos embaixadores e punta de lanza da imaxe de Galicia en todo o mundo favorecendo que aumento o noso prestixio internacional e incluso as nosas exportacións porque eles son garantía da seriedade dos galegos no mundo”.