O Concello da Lama conmemorou este mércores, 25 de novembro, o Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller coa lectura dun manifesto no Salón de Actos do Consistorio e no que se reiterou o rexeitamento máis absoluto cara a violencia de xénero.
Neste acto estivo presente o alcalde do Concello da Lama, Jorge Canda, acompañado dalgúns membros da Corporación Municipal así como as traballadoras e traballadores do Concello. As técnicas do CIM, Adriana Fontaíña e Galiza Aguete, procederon á lectura do manifesto no que se mostrou o rexeitamento á violencia de xénero, ofreceuse apoio e solidariedade coas vítimas e no que tamén se amosou a total repulsa cara os maltratadores. Tamén se esixiu a tódalas administracións que redobren os seus esforzos para rematar de maneira definitiva con esta lacra social da que 41 mulleres foron vítimas no que levamos de ano en España.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, destacou que “este Concello está plenamente comprometido en erradicar a violencia de xénero así como na defensa e fomento da igualdade de xénero, e traballa de xeito transversal nesta materia durante os 365 días do ano. Dende aquí queremos convidar aos nosos veciños e veciñas e a toda a sociedade en xeral a condenar de maneira unánime a violencia machista”. Neste senso, o rexedor, agradeceu a participación da Corporación, os traballadores municipais e a veciñanza neste acto.
Cómpre lembrar ademais que o Centro de Información á Muller (CIM) do Concello da Lama levou a cabo a pasada semana un programa de actividades dirixidos ao alumnado do CEIP da Lama, en colaboración da Deputación de Pontevedra, formado por pequenos talleres con motivo da celebración do 25N centrados na prevención da violencia, no fomento da igualdade, a diversidade afectivo-sexual e o desenrolo da identidade de xénero.