A Biblioteca da Lama amplía a súa oferta de libros grazas a dúas achegas da Xunta

A Biblioteca Municipal da Lama aplía os seus fondos bibliográficos e a súa oferta para os usuarios coa adquisición de novos volumes, fundamentalmente de temática infantil e xuvenil, así como libros sobre persoeiros con arraigame na comarca.

O concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, e a bibliotecaria, Cristina Villaverde, foron os encargados de seleccionar a nova colección de libros que entrarán a formar parte do patrimonio municipal que se pon a disposición do público en xeral nesta sala de lectura.

O Concello da Lama acolleuse a dúas subvencións da Xunta de Galicia para a adquisición de novidades editoriais en galego en formato físico por importe de 500 euros e 974,66 euros coa finalidade de que a Biblioteca poida poñer a disposición dos seus usuarios as últimas obras de entrada no mercado.

O criterio seguido polos responsables da axencia de lectura da Lama foron, fundamentalmente, aportar títulos relacionados co que máis demandan os usuarios da biblioteca, neste caso literatura infantil e xuvenil así como traballos publicados sobre aspectos biográficos ou etnográficos relacionados coa comarca do Verdugo-Oitavén ou de concellos limítrofes ou próximos.

Así entre o grande número de volumes de recente adquisición están libros como “Lumier de Nós”, de Francisco Rozados sobre o cineasta galego con raíces en Ponte Caldelas, Chano Piñeiro. Tamén hay unha publicación sobre “María Vinyals (A muller do porvir)”, de Diego Piay Augusto, así como outras publicacións de carácter historicista ou etnográfico como “Simboloxía Máxica en Galicia”, de Bieito Romero ou “Servir era o pan do demo”, Historia da vida cotiá en Galicia, séculos XIX e XX, de Xavier Castro.

Segundo Daniel Vidal, “pretendemos con estas axudas ter a biblioteca surtida coas novidades editoriais para que a nosa oferta estea o máis actualizada posible atendendo a demanda dos usuarios e tamén procurando achegar a máis lectores á biblioteca ao tempo que promovemos accións que animen aos nosos veciños e veciñas á práctica da lectura”,  indicou.