O Concello mantén a ilusión do Nadal no colexio colaborando coa ANPA no reparto de agasallos e levando maxia ás aulas

O Concello da Lama colaborou novamente coa ANPA no reparto de agasallos para o alumnado do CEIP da Lama e patrocinando a actuación dun mago que de xeito itinerante e, de aula en aula, foi facendo unha pequena función para manter a ilusión do Nadal entre os cativos do municipio que teñen que vivir este ano dun xeito diferente as celebracións destas datas.

Os concelleiros Daniel Vidal e David Carrera acompañaron ao director, Rafael Sánchez-Agustino, e ao mago no seu periplo polas distintas aulas do centro educativo para compartir cos máis pequenos a maxia do Nadal a través dunha actuación de media hora en cada clase mantendo o distanciamento social e procurando ilusionar aos máis cativos.

Tamén se procedeu pola tarde a acompañar aos Reis Magos, en colaboración coa ANPA, e facer a entrega de agasallos a todos e cada un dos nenos e nenas que cursas os seus estudios neste centro educativos coa intención de compartir con eles a ilusión e garantindo que ningún cativo do municipio se queda sen celebrar dalgún xeito este Nadal pese ás restricións e o coidado que hai que manter por mor da pandemia da Covid-19.

Os nenos escoitaron o discurso dos Reis e puderon falar con eles desde a distancia e, ao rematar, coa súa maxia as Súas Maxestades fixeron que cando os alumnos e alumnas regresaron ás súas aulas tiñan en cada a súa mesa un agasallo que lles deixoaron os Reis Magos.

RECOLLIDA DE CARTAS POLOS PAXES REAIS E VISITA DOS REIS MAGOS Á ALAMEDA DA LAMA

Por outra banda, o Concello da Lama ten preparada, o 3 de xaneiro, unha visita itinerante dos Paxes Reais a todos e cada un dos lugares do municipio que dispoñen de centro sociocultural para recoller as cartas para que cheguen puntualmente ás Súas Maxestades Os Reis Magos que o vindeiro 5 de xaneiro farán a súa entrada, ás doce do mediodía, nun circuito habilitado na Alameda da Lama mantendo o distanciamento social e a máxima precaución por mor das normativas habilitadas pola pandemia da Covid-19. Saudarán en persoa aos nenos e nenas mantendo unha distancia mínima con eles de 2 metros e aínda que non poderán sentarse no seu colo, as Súas Maxestades escoitarán todas e cada unha das peticións feitas polos pequenos e maiores que se dean cita na Alameda nesta Audiencia Real.