Canda e Cubela inspeccionan o resultado final das obras de mellora da estrada entre O Peso e Caroi e actuacións complementarias

Os alcaldes da Lama, Jorge Canda, e Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, así como o tenente de alcalde lamense David Carrera realizaron unha visita de inspección ao remate das obras da estrada EP-0307 entre Peso e Caroi e que era unha reivindicación histórica dos veciños de ámbolos dous municipios para mellora-la comunicación interior entre o centro e o norte da provincia nunha estrada de titularidade da Deputación de Pontevedra.

Canda e Cubela, despois de lograr que o ente provincial atendera a reivindicación de mellora deste vial que presentaba un deterioro considerable e un trazado sinuoso e estreito, amosaron a súa satisfacción porque por fin esta obra se acometera para favorecer a comunicación dos núcleos rurais existentes neste trazado e vertebre unha importante conexión interior na provincia e que discurre entre ámbolos dous concellos.

Os dous alcaldes tamén agradeceron a colaboración dos veciños de ámbolos dous concellos que cederon os terreos para que se poidera levar a cabo esta obra que supuxo un esforzo de xestión e traballo continuado. A celeridade coa que os rexedores resolveron o farragoso proceso administrativo de cesión das parcelas favoreceu tamén que se executaran estas obras.

Durante a súa visita tamén se achegaron ata a Capela da Virxe de Lourdes onde o Concello da Lama está executando varios traballos de canteiría no límite perimetral da estrada co templo que quedaba a distinto nivel e precisaba dunha actuación de mellora. Os traballos buscaban tamén impermeabiliza-lo templo das escorrentías e augas pluviais que se poidan filtrar debido á proximidade dun pequeno talude que actuaría de guía natural das choivas cara o muro exterior do recinto relixioso.

O mellora desta estrada provincial, que contou cun orzamento de 750.000 euros, e facilitou a actuación de seguridade vial no trazado que transcurre entre o punto quilométrico 4+000 ao 6+000 da EP-0307 e permitiu ampliar a superficie desta estrada para convertela nun vial de dous carrís de 2,75 metros, dotala así mesmo dunha cuneta de seguridade dun metro de ancho na marxe dereita, beiravías de 0,5 metros e unha berma na marxe esquerda de 0,5 metros. Ademais, as obras inclúen a reposición da barreira de seguridade, a colocación de sinais verticais e horizontais e a instalación de seis redutores de velocidade.

Para realizar esta actuación, tivéronse que construir varios muros de sostemento de cachotaría de 2 a 3 metros de altura, así como o desmonte do noiro lateral da marxe dereita do vial. Tamén foi preciso o recuamento dalgúns peches de parcelas e barreiras de protección, así como a substitución e/ou ampliación das obras de drenaxe existentes.

Esta obra pudo realizarse grazas ás xestións realizadas polos dous alcaldes ante a Deputación e á colaboración dos veciños que tiveron que poñer a disposición desta actuación os terreos necesarios para afronta-la mellora acometida e reclamada desde hai moitísimos anos.