Sae do prelo un novo número da revista informativa e cultural da Lama «A Pedreira»

Esta publicación, coordinada a través da Oficina Municipal de Información  Xuvenil (OMIX) e que conta cunha achega do servizo de dinamización lingüística da Deputación, recolle entre outros diversos artigos relacionados coa historia e o patrimonio etnográfico e natural.

O número 17 da revista informativa e cultural de periodicidade anual da Lama “A Pedreira” acaba desaír do prelo e comeza agora o seu proceso de distribución entre a veciñanza desde as oficinas do Concello e da Biblioteca Municipal.

Esta publicación, editada e coordinada pola responsable da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), Cristina Villaverde Ruibal, está patrocinada polo Concello da Lama dentro do programa dirixido aos concellos para actividades de dinamización da lingua galega 2020 da Deputación de Pontevedra.

Protagoniza o contido deste número varios artigos relacionados coa historia e o patrimonio etnográfico e natural do municipio da Lama e entre as pezas publicadas figura unha de Xosé Enrique Acuña sobre a vida de Apolinar Contreras Piñeiro (1876-1967), un emigrante de éxito en Lisbao, natural da parroquia de Gaxate.

Tamén escriben neste número o arquitecto Manuel A. Bugallo Otero e Fran García Fernández cun artigo sobre o Outeiro da Misa, unha pedra de abalar na parroquia do Seixido e outro sobre o fenómeno do despoboamento progresivo do rural na provincia de Pontevedra.

UN CASO DE BIGAMIA QUE LEVANTOU O INTERESE E O MORBO DO PÚBLICO NOS PRIMEIROS ANOS DE SÉCULO XX

Outro dos artigos curiosos que contén este número é un artigo de corte xornalística escrito por Cristina Villaverde Ruibal sobre un caso de bigamia protagonizado a principios do século XX na parroquia de Gaxate e que levantou grande interese e morbo entre a opinión pública do momento.

A natureza ten tamén un protagonismo especial na revista “A Pedreira” así recólle un artigo de María del Carmen Aldir Doval sobre o miñato común e outro de A. Membrives Rojas e Eugenia M. Miranda sobre as árbores da Lama.

O mundo gastronómico dos cogomelos corre a cargo de José Luis Tomé Ortega mentras que Estanislao Fernández de la Zigoña ocúpase dos reloxos de sol na Lama e María Dolores Ferro Diz da microtoponimia do concello.

Para rematar, a revista recolle unha nova escolma de fotografías antigas cedidas por veciños e veciñas do municipio nas que se pode apreciar a vida de antano, as xentes da época e os seus costumes.

“A Pedreira” é un proxecto cultural activo no concello da Lama desde o ano 2003, cando o primeiro número da revista saíu á rúa. Desde entón, e con periodicidade anual, a revista profunda en distintos aspectos culturais e turísticos do municipio, co obxectivo de achegar a veciños e visitantes información interesante desta localidade.

Outro dos atractivos da publicación é que se trata dun proxecto colectivo no que participaron decenas de persoas ao longo destes dezaseis anos de vida. Ademais, desde a Oficina Municipal de Información  Xuvenil favoreceuse a participación de xente nova, co fin de vinculalos a un proxecto cultural que indaga na historia e tradición do municipio.

Finalmente, lembrar que os exemplares se atopan ao dispor dos interesados na OMIX e oficinas do  Concello en formato físico e proximamente de maneira dixital na web www.concellodalama.com, onde xa se atopan os anteriores números.