O Pleno aproba por unanimidade a cesión dunha parcela municipal no polígono para unha nova planta de Sogama

A Corporación do Concello da Lama aprobou por unanimidade dos concelleiros presentes pertencentes aos grupos do Partido Popular, Ciudadanos e BNG, a cesión por tempo indefinido dunha parcela municipal no polígono de Racelo a Sogama para a construción dunha nova instalación da planta de transferencia de residuos urbanos, que dará servizo os municipios que ata o momento viñan sendo atendidos pola microplanta xa existente na Lama.

A aprobación desta cesión permitirá ao Concello da Lama non ter que realizar gasto algún polo desprazamento fóra do municipio dos camións que prestan o servizo de recollida de lixo e, desde Racelo, se seguirá atendendo desde a nova planta de transferencia aos concellos limítrofes de Fornelos de Montes, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, como ata agora.

A cesión dos terreos será exclusivamente para o fin da construción e xestión da citada instalación de transferencia de residuos, revertendo a mesma ao Concello unha vez terminada a utilización para tal fin polo que, en ningún caso, se poderá producir transmisión da titularidade das parcelas.

Sogama deberá tramitar e aboar as taxas correspondentes ao Concello da Lama pola tramitación dos permisos e licenzas, taxas e impostos que se deriven da súa posta en funcionamento e actividade.

A LAMA LOGRA EXECUTAR O DOBRE DO ORZAMENTADO EN 2020

Por outra banda, o alcalde Jorge Canda deu conta da situación económica e do grao de execución do orzamento correspondente ao pasado exercizo 2020 onde se detecta como dato de importancia o feito de que o Concello da Lama executou un gasto de 3.144.000 euros, o que quere dicir que duplicou na práctica o orzamento previsto e aprobado pola Corporación.

Ademais, como dato de solvencia e equilibrio orzamentario, o alcalde sinalou que as facturas deste Concello páganse nunha media de 7 días, unha vez presentadas e conformadas, non tendo morosidade algunha. Asemade, Canda Martínez informou ao Pleno de que o remanente obtido polo Concello no exercizo do 2021, pese a ser un ano marcado pola Covid-19, foi de 542.000 euros.

MOCIÓNS, ROGOS E PREGUNTAS

En canto ás mocións, foi rexeitada pola maioría do Partido Popular unha moción presentada polo concelleiro do BNG, Xesús Fortes, sobre a protección, promoción e desenvolvemento sustentáble da Serra do Suído, máis concretamente contra a colocación de novos parques eólicos na zona.

O tenente de alcalde David Carrera, que asumiu nese momento a presidencia do Pleno por ausencia do alcalde, Jorge Canda, por motivos de índole persoal, argumentou que a nova normativa autonómica sobre protección dos montes e instalación de novos aeroxeradores era moito máis protectora e destacou as vantaxas que este modelo de xeración de enerxía renovable ten para o medio ambiente, así como para as comunidades de montes e mesmo os concellos a través do canon eólico que pagan as empresas concesionarias.

Pola súa banda, Andrés Cal, de Ciudadanos, amosou o seu voto favorable á moción do BNG ao considerar que os eólicos xeran un perxuizo importante para a xente que vive no rural polo enorme impacto visual e medioambiental que producen e salientou que son as comercializadoras da enerxía as que realmente sacan lucro dos aeroxeradores en lugar dos veciños das zonas onde se instalan.

Finalmente, aprobouse por unanimidade unha moción presentada polo PPdeG para pedir a aplicación inmediata das bonificacións na autoestrada AP-9 e outra, tamén do PPdeG, en apoio dunha convivencia libre, pacífica e en liberdade con respecto ás manifestacións que acabaron con actos violentos en apoios ao rappeiro Pablo Hasel.

En rogos, o concelleiro do BNG, Xesús Fortes, solicitou información acerca da situación legal na que se atopa unha parcela na que estaría interesada unha empresa de prefabricados vilagarciana que quere instalarse na zona.

O concelleiro popular Domingos Ramos Carreiro non puido asistir ao Pleno polo falecemento repentino do seu pai o que motivou a mostra unánime de condolencia por parte de tódolos grupos municipais e dos concelleiros da Corporación Municipal presentes.