O Concello da Lama afrontará estes días as obras de acondicionamento e ampliación do Consistorio cun investimento duns 180.000 euros procedentes do Plan Concellos 2020 e que permitirá dotar de maior superficie de atención á veciñanza, mellora-la accesibilidade ao edificio, dotalo de ascensor e corrixir os graves problemas de humidade que presenta o Salón de Plenos e varias dependencias municipais.
As obras teñen un prazo máximo de execución de tres meses e durante este periodo a empresa adxudicataria dos traballos ampliarán cara atrás (ata a Alameda) o edificio buscando un deseño moderno e funcional que permita ter unha maior superficie para atender as demandas da veciñanza nos distintos departamentos municipais que, agora, teñen o espazo moi constreñido.
Aproveitarase a obra para instalar un ascensor que permita a persoas con problemas de mobilidade poder subir con comodidade ata a planta superior e poder realizar calquera xestión ou mesmo asistir aos plenos municipais sen barreiras arquitectónicas como o de ata agora.
Ademais, as obras permitirán mellorar a zona dos aseos que precisan dunha modernización e actualización en canto a dimensións e funcionamento. Tamén se aproveitarán os traballos para resolver problemas de humidades que presenta o Salón de Pleno e varias dependencias municipais onde as filtracións das augas pluviais representaban un grave problema de salubridade.
Segundo o alcalde, Jorge Canda, “tentamos adaptar este edificio emblemático ás necesidades da veciñanza mellorando os servizos, a atención ao público, a accesibilidade e corrixindo graves problemas que tiñamos no Consistorio, a casa de todos os veciños do municipio. Imos darlle unha ampliación para gañar espazo e sobre todo permitir unha mellor accesibilidade ás persoas con problemas de mobilidade ao instalar un ascensor que permitirá que a xente poida acceder a calquera parte do Consistorio sen dificultade. Ata agora dispoñemos dunhas magníficas e belas escaleiras, pero pouco funcionais para a xente maior con problemas de mobilidade”, indicou o rexedor.