Tan so 103 das 470 persoas citadas polo Sergas acudiron ao cribado masivo realizado no Multiusos da Lama

O Concello da Lama considera decepcionante o feito de que tan so 103 persoas (o 21,9%) das 470 persoas convocadas polo Sergas a participar no cribado masivo levado a cabo esta mañá no Multiusos da Lama decidira acudir a facerse a proba PCR. O tenente de alcalde, David Carrera, considera insuficiente o nivel de participación “sobre todo polo esforzo público que este tipo de probas supoñen para a administración sanitaria que desprazou á Lama un amplio operativo para localizar a persoas asintomáticas que poden estar espallando o coronavirus”.

O Sergas convocara a un total de 470 persoas para que no día de hoxe, en horario de 9 a 14:30 horas, realizaran nas instalacións que se habilitaron no Multiusos da Lama probas PCR para detectar casos asintomático nunha franxa de poboación con idades comprendidas entre 15 e 40 anos.

Os resultados negativos serán comunicados aos asistentes por SMS mentras que os positivos detectados realizaráselles unha chamada telefónica desde a Área Sanitaria Pontevedra-Salnés.
Esta inicitiva sanitaria, segundo o tenente de alcalde David Carrera, “púxose en marcha mobilizando persoal sanitario e administrativo coa clara intención de localizar positivos asintomáticos e frear o número de contaxios existentes no municipio, pero parece que a xente non tomou conciencia suficiente da necesidade de someterse a unha proba PCR que non leva máis que segundos, nada invasiva e que a penas produce molestias. En fin, nós seguiremos facendo todo o posible para preservar a saúde dos nosos veciños solicitando para elo a colaboración individual de todos e cada un deles”, indicou Carrera.