A Lama manifesta a súa repulsa contra a violencia de xénero cun minuto de silencio en memoria das mulleres asasinadas, vítimas do machismo

O salón de plenos do Concello da Lama acolleu os actos conmemorativos polo 25-N centrados na lectura dun manifesto en repulsa contra a violencia machista e os asasinatos de mulleres, que leu o tenente de alcalde e concelleiro de Igualdade, David Carrera, e nun minuto de silencio polas 38 vítimas mortais rexistradas durante este ano en España no que vai de ano.

Nese acto estiveron presentes traballadoras e funcionarias municipais, a xuiza de paz, Mercedes Fernández, así como a avogada do CIM, Adriana Fontaíña e a psicóloga do CIM, Galiza Aguete.

Unha vez rematada a lectura e o minuto de silencio, os asistentes ao acto dedicáronlle tamén un aplauso ás vítimas do machismo que loitan por seguir adiante e recuperarse deste trauma. Tamén se repartiron entre o públicos elementos do “merchandising” relacionados coa campaña de NON á Violencia de Xénero.

Por outra banda, o Concello da Lama, a través do Centro de Información á Muller (CIM), está levando a cabo un programa de actividades para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero, que conta cunha axuda económica da Deputación.

O programa ten un orzamento global de 10.980 euros e conta cunha achega de 5.318,12 euros do ente provincial o que permitirá celebrar catro obradoiros centrados na prevención da violencia de xénero e no fomento da igualdade de oportunidades.

Os obradoiros que conforman este programa, impartidos por persoal especializado en materia de igualdade, están dirixidos exclusivamente ao alumnado de primaria do CEIP A Lama.

PLAN MADRUGA, PARA FACILITAR A CONCILIACIÓN FAMILIAR

Ao abeiro deste programa tamén se desenvolverá durante o período das vacacións de Nadal o ‘Programa Concilia’, un servizo que da apoio ás familias da Lama para facilitar a conciliación persoal, familiar e profesional, favorecendo así a corresponsabilidade. Este servizo está dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos residentes no concello da Lama.

Cómpre lembrar que no mes de setembro o Concello da Lama puxo en marcha o “Plan Madruga” no CEIP da Lama, que conta tamén coa colaboración económica da Deputación, co obxectivo facilitar a conciliación e de ofrecer un espazo cómodo e seguro, no que os nenos e nenas poden realizar distintas actividades baixo supervisión antes do horario lectivo do centro escolar.