O tenente de alcalde David Carrera presentou o programa de actividades que o Concello da Lama porá en marcha este Nadal para facilitar a conciliación laboral e familiar no que haberá obradoiros, música, espectáculos infantís, unha saída a Pontevedra para que os cativos poidan participar no Nadal Xogos e un concerto da Banda de Música da Lama.
Ademais de poñer en marcha unha nova edición do programa Concilia Nadal, o Concello da Lama traerá o 22 de decembro ata o Colexio a Papá Noel que repartirá agasallos e caramelos entre os cativos. A continuación contribuirá a dinamizar o comercio local paseando pola vila e animando o Nadal aos veciños e veciñas da Lama.
O venres 23 de decembro celebrarase un taller de decoración floral especialmente pensado para adornar as portas e fogares en Nadal e será impartido de 11:30 a 13:30 horas no edificio do Obradoiro de Emprego. Será gratuíto e está pensado para que asistan tanto nenos e nenas como adultos.
O 26 e o 28 de decembro tócalle o turno ao Nadal de Cine coa proxección no Multiusos das películas “Raya e o último dragón” e “Lightyear” que se proxectarán ás 17:30 horas.
O 27 de decembro haberá un espectáculo de maxia ás 17:30 horas no Multiusos, mentras que o xoves 29 de decembro terá lugar o espectáculo para toda a familia “A luz do Nadal”.
O Concello organiza, en colaboración coa ANPA, para o venres 30 de decembro unha viaxe gratuíta para nenos e nenas da Lama a Pontevedra para participar no “Nadal Xogos”. O autobús sairá ás 16 horas desde as inmediacións da Casa Consistorial.
O luns 2 de xaneiro, os Carteiros Reais percorrerán todas e cada unha das parroquias do municipio para recoller as cartas escritas polos máis cativos da casa facendo unha pequena parada e amosando un espectáculo de rúa.
O martes 3 de xaneiro virá, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, o Apalpador á Lama. Estará ás 19 horas no Multiusos.
O mércores 4 de xaneiro terá lugar o “Concerto de Nadal”, a cargo da Banda de Música da Lama. Esta actividade terá lugar ás 20:30 horas no salón de actos do CEIP da Lama e, ao rematar, terá lugar unha chocolatada popular gratuíta.
Este amplo e completo programa de Nadal rematará o 5 de xaneiro coa celebración da Gran Cabalgata de Reis que terá lugar a partir das 17:30 horas polas rúas do centro da Lama e rematará cunha audiencia real no Multiusos da Lama. Os asistentes, ademais de deixarlle as cartas e as últimas peticións aos Reis Magos poderán levarse gratuitamente unha fotografía coas Súas Maxestades.