A xestión do Concello permite ao comedor escolar da Lama beneficiarse do Programa «Come Local» da Axencia Galega de Calidade Alimentaria

O alcalde da Lama, David Carrera, valora moi positivamente o desenrolo do programa “Come Local” que permitiu incluir ao Colexio da Lama nesta iniciativa para que comedores escolares poidan dispoñer de varios produtos galegos con certificado de calidade (DOP, IXP e Ecolóxicos de proximidade) e cunha trazabilidade garantida.

Así ao CEIP da Lama chegaron as Fabas de Lourenzá da IXP, un alimento saudable e de calidade que fixo as delicias dos seus comensais. Outra das accións que se están a facer dentro desta campaña, é o establecemento de sinerxías con produtores galegos con certificado de calidade DOP, IXP e Ecolóxico de proximidade; axuda con ferramentas que faciliten o cálculo do gasto “escandallo”; accións formativas dirixidas a equipos de cociña, equipos directivos e estudantes; e asesoramento ao persoal de cociña sobre aprovisionamento.

O alcalde David Carrera xestionou ante a Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Xunta de Galicia a inclusión do centro educativo na campaña “Come Local” que permitirá achegar unha dieta san a base de produtos galegos con certificado de calidade e de proximidade ao alumnado que usa as instalacións do comedor escolar.

“Come Local” permite achegar ao comedor escolar da Lama accións formativas in situ sobre educación alimentaria para o alumado do centro educativo nas cales lles proporcionan material sobre educación alimentaria, e máis concretamente, sobre as froitas e verduras de cada tempada en Galicia. O papel da biodiversidade agrícola e o papel que xogan os produtos certificados á hora de conservala, así coma a importancia de comer de xeito local.

FORMACIÓN EN DIETAS SANS E EQUILIBRADAS

Este programa facilita tamén a formación por zoom ao persoal do comedor sobre etiquetado alimentario para que aprendan a diferenciar as certificacións e saiban tamén o que implica cada unha. Asesorarase ao persoal de cociña e de comedor sobre aprovisionamento así como tamén nas dúbidas que poidan ter á hora de xestionar os residuos do centro.

Outras accións formativas que se levarán a cabo irán orientadas cara á seguridade alimentaria para os centros e produtores participantes sobre como xestionar un APPCC correctamente e tamén contarán cunha experta en nutrición para axudar a introducir os produtos con certificado de calidade.

Esta campaña será difundida a través das redes de Agacal (Axencia Galega da Calidade Alimentaria) e tamén esta recollida nun «Mapa Interactivo» que se poderá consultar en todo momento. Toda esta campaña irá aliñada cos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) da ONU.