Hoxe tivemos a visita da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que veu á Lama para anunciar a licitación da planta de transferencia de Sogama no polígono de Racelo por un importe de máis de 1,2 millóns de euros e que dará servizo aos municipios de Fornelos de Montes, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e A Lama.
A conselleira foi recibida polos tenentes de alcalde, David Carrera e Jorge Méndez e polo concelleiro Daniel Vidal, quen se encarga tamén de coordinar a posta en marcha do Plan de Compostaxe no Concello da Lama. Asistiron tamén a este acto os alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage; de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e o tenente de alcalde de Cerdedo-Cotobade, Fernando Vázquez.
Segundo explicou o director de Sogama, Javier Domínguez Lino, as novas instalacións estarán compostas por unha nave de 600 m2, un compactador fixo, unha báscula, un sistema de translación de contedores, con capacidade para dous, un aparcamento de contedores, unha depuradora de augas residuais e paneis solares para o propio autoconsumo da planta, fomentando deste xeito as enerxías renovables.
Tanto a conselleira como o tenente de alcalde, David Carrera, coincidiron na necesidade en dar unha resposta coordinada por parte das administracións públicas a un problema común como é a recollida e tratamento dos residuos sólidos urbanos en perfecta harmonía co medio ambiente.
Carrera insistiu tamén na importancia de impulsar proxectos que creen sinerxias entre concellos de boa vecindade e que axuden a fortalecer o mundo rural en momentos de especial sensibilidade como esta nova etapa marcada pola Covid-19.
Cando entre en funcionamento esta nova planta permitirá transferir, ademais da bolsa negra e da bolsa amarela, a fracción de residuos orgánicos recollidos no contedor marrón, que posteriormente serán enviados á planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa cando estea operativa.