Os novos operarios municipais do Plan Concellos inician en Racelo as rozas e limpezas nos espazos comúns de todo o municipio

O Concello da Lama comeza polo polígono industrial de Racelo os habituais traballos de limpeza e desbroce que se levan a cabo anualmente grazas ao reforzo de persoal a través da Liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Deste xeito esta administración local reforza os seus servizos e capacidade operativa para poder conservar e manter o funcionamento de bens e servizos municipais durante os seis meses.

Os operarios ademais de labores de desbroce e limpeza tamén están acometendo a realización de diversos traballos de poda de árbores e de pólas que sobresaen nos viais poñendo en perigo a circulación de vehículos e transeúntes.

Na presente edición do Plan Concellos, o Concello da Lama contratou a 11 persoas desempregadas para ocupar varios postos de traballo relacionados con funcións de limpadora, peóns da construción, conductores de excavadora, peóns forestais e auxiliares administrativos de reforzo para as oficinas do Consistorio.

Os candidatos seleccionados para desempeñar estas funcións son persoas que estaban en situación de desemprego e que foron remitidos ao  Concello da Lama desde a Oficina de Emprego (tal e como determinan as bases definidas pola Deputación e están publicadas no BOP), quen envía un mínimo de tres candidatos por posto a cubrir. A relación de aspirantes, os seus nomes e puntuación nas distintas probas de selección, foi feita pública a través do taboleiro de anuncios situado na planta baixa do Consistorio.

As persoas que remite a oficina de emprego foron examinados por un tribunal técnico de acordo coas bases que rexen este procedemento e que se axustan á normativa vixente en materia de contratación de persoal para as administracións públicas.

Os candidatos son sometidos a entrevistas/probas prácticas relacionadas co posto para desempeñar e que son previamente coñecidas polos aspirantes. Este sistema de selección con entrevista/proba práctica, que figura especificada no prego de bases, garante a igualdade de oportunidades dos preseleccionados pola oficina de emprego que son examinados por un tribunal estritamente técnico.

O Plan de Emprego da Deputación é unha posibilidade que ten o  Concello da Lama de poder contratar persoal xa que a normativas para a estabilidade orzamentaria fan imposible outra forma de ofertar postos de traballos por parte desta administración local.

O tenente de alcalde, David Carrera, salientou como “moi importante e necesario para os concellos como o noso que a Deputación siga desenrolando accións que favorezan a contratación de persoal que axude ao mantemento e conservación de espazos públicos, así como o funcioamento de bens e servizos municipais xa que doutro xeito sería moi complicado atender tódalas demandas que neste sentido se poden plantexar. Ao mesmo tempo foméntase a inserción laboral de persoas que están en situación de desemprego e eso tamén axuda a mellora-la economía de moitas familias que están en situación de precariedade e que con estes plans poden ver unha saída digna a un problema real”, indicou o tenente de alcalde lamense.