A Lama celebra o 8 de Marzo coa lectura dun manifesto aprol da igualdade entre homes e mulleres

O Concello da Lama conmemorou a celebración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, coa lectura dun manifesto a cargo do tenente de alcalde e edil responsable da Concellería da Muller e Igualdade momentos antes de iniciarse un Pleno Extraordinario no que se decidiu a adhesión da Lama ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostibles (PACES).

O escenario escollido para realizar esta lectura do manifesto do 8 de Marzo foi o salón de plenos no que se deu cita un número limitado de convidados debido á necesidade de respectar o aforo e as medidas de seguridade sanitaria por mor da Covid-19.

O acto, coordinado polas responsables do Centro de Información á Muller (CIM), a avogada Adriana Fontaíña e a psicóloga Galiza Aguete, pretendeu evidenciar o apoio institucional do Concello da Lama ás políticas de igualdade e a defensa dos dereitos das mulleres ao tempo que se renovaba o compromiso ineludible de loitar contra a violencia de xénero de calquera tipo.

O manifesto avogaba polo empoderamento feminino e a participación activa da muller na sociedade así como o seu desenvolvemento íntegro como persoa. “Desde esta institución queremos manifestar que participamos completamente do principio de igualdade de dereitos entre homes e mulleres e, polo tanto, facemos noso o feminismo. Debemos establecer como un obxectivo do día a día facer efectivo este obxectivo con actuacións de carácter transversal e, desde cada un de nós, debemos contemplar a loita pola igualdade de dereitos como algo noso e fundamental, algo ao que non debemos renunciar sexamos homeso ou mulleres”, recolle o escrito lido en público.

ADHESIÓN AO PACTO DE ALCALDÍAS POLO CLIMA (PACES)

A continuación tivo lugar a celebración dun pleno extraordinario no que se acordo a adhesión do Concello da Lama ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostibles (PACES) que, entre outros compromisos, recolle a diminución do 40% da emisión de CO2 de aquí á chegada do ano 2030.

Para dar pasos nese camiño, o plan de traballo contempla a realización dunha auditoría enerxética e medioambiental para coñecer o consumo real existente nos edificios municipais e no alumeado público, así como nos vehículos, sistemas de calefacción, etc. coa intención de ir propoñendo diversas alternativas para que se poida reducir a emisión de CO2 a atmósfera.