O CIM da Lama celebra o Día da Muller con 5 obradoiros no colexio para fomentar a igualdade de xénero

O Centro de Información  á  Muller (CIM) da Lama levará a cabo os días 8 e 9 de marzo cinco Obradoiros de  Igualdade que terá como destinatarios principais aos alumnos de 1º a 6º de Primaria do Colexio da Lama co obxectivo de detectar e erradicar, de forma lúdica e participativa, os estereotipos de xénero que poidan estar presentes nestas idades.

O CIM, coordinado por Adriana  Fontaíña e Galiza Aguete, levará a cabo esta iniciativa dentro dos actos conmemorativos do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, e que conta subvención de 1.440,10 euros da Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género, de transferencias para o desenvolvemento de novas ou ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o exercizos 2020.

A elección da temática destes cinco obradoiros, relacionada coa detección e erradicación de estereotipos e roles de xénero, vén derivada das xuntanzas de traballo mantidas polas responsables do CIM e a dirección do centro para evaluar diferentes factores e determinar cara onde é necesario traballar desde un punto de vista preventivo coa infancia.

A misión destes cinco obradoiros, que serán impartidos por persoal cualificado nesta materia, é o fomento da igualdade de oportunidades entre nenos e nenas desde a comunidade educativa para promover a  coeducación e previr a desigualdade de xénero.

Tamén buscarán proporcionarlles aos nenos e nenas as ferramentas necesarias e os recursos adecuados para que poidan asentar as bases para obter unhas relacións positivas e igualitarias de fronte ao futuro.

Entre os obxectivos do “Obradoiro” figuran o feito de que os nenos e nenas participantes se familiaricen, dun xeito lúdico, con conceptos básicos como xénero, estereotipos sexistas, socialización diferencial, igualdade de oportunidades, corresponsabilidade e violencia de xénero.

Ademais, tentará romper cos estereotipos de xénero dentro do ámbito familiar, fomentar a igualdade na familia, a escola e o traballo, valores como a corresponsabilidade e rexeitar a violencia como forma de relacionarse, valorarse ou resolver conflitos.

Outro dos aspectos que se  visilizará nestes obradoiros será identificar obstáculos que dificultan a conciliación da vida familiar, persoal e laboral e aprender a utilizar a linguaxe inclusiva para nomear tanto ás mulleres como aos homes.

A metodoloxía que se utilizará durante estes cinco obradoiros será de  cáracter lúdica e interactiva buscando a participación e interacción coa totalidade do alumnado e fomentando a reflexión individual e colectiva do grupo.

Tratarase, en definitiva, de achegarlle aos nenos e nenas  unha  maior visión crítica da realidade a través de diferentes actividades amenas, entrelazadas e  relacionadas entre  elas,  onde se traten diferentes temáticas  coeducativas,  sempre próximas  á experiencia  do alumnado  ao que se  dirixe ou programa. Procurarase tamén que o alumnado traballe de forma autónoma, reforzando ademais a iniciativa e  o empoderamento  feminino.