A Lama, primeiro concello da provincia en sumarse á carta de adhesión ao proxecto transfronteirizo 5G-allaecia

 O alcalde do Concello da Lama, Jorge Canda, asinou esta mañá a carta de adhesión ao Proxecto 5G-allaecia do grupo de traballo transfronteirizo promovido pola Asociación de Empresarios de Portugal, Red Mundo Atlántico e Deputación de Ourense para favorecer a implantación da tecnoloxía 5-G.

A Lama é o primeiro concello da provincia de Pontevedra que subscribe esta carta de adhesión cuxo acordo non supón aportación económica algunha por parte da administración local.

FOMENTAR A COLABORACIÓN PÚBLICO-PRIVADA

O obxectivo desta iniciativa é o fomento da colaboración público-privada para a innovación no cambio de paradigma dixital na eurorrexión europea compartida con Portugal “impulsando a implantación de 5G e o internet das cousas como tractor do beneficio cara un territorio intelixente”, indica o acordo.

Outro dos obxectivos que persegue é a “implicación das empresas tecnolóxicas do ecosistema de acción para innovar e fomentar o I+D+i na implantación da cobertura total de 5G no territorio da acción. Tamén a implicación de todos os elementos do Plan Nacional 5G: Sociedade civil, empresa, Universidade e administracións na acción da aplicación práctica e pragmática do 5G”.

Outro obxectivo a salientar é “o estudo, captación e proposta de fondos implicados no desenvolvemento, elevando e colaboración as propostas de financiamento aos distintos axentes implicados. Creación dunha Task Force que capte a inversión privada necesaria para unha posterior asociación de innovación”.