Abre o prazo ata o 13 de xuño para a inscrición no servizo estival «Concilia A Lama 2021»

O Concello da Lama acaba de abri-lo prazo de inscrición no servizo “Concilia A Lama 2021” que, financiado a través da Liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, ten como finalidade ofrecer apoio ás familias do municipio para que poidan concilia-la vida persoal, familiar e profesional favorecendo a corresponsabilidade. O proceso de inscrición farase ata o 13 de xuño, nas dependencias municipais ou a través da sede electrónica do Concello.

Este programa vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos empadroados no concello ou que algún dos seus pais traballe no termo municipial da Lama.

As actividades do “Concilia A Lama 2021” realizaranse en distintos espazos municipais como o Multiusos, o parque infantil da Alameda, etc. entre o 1 de xullo e o 10 de setembro e do 22 de decembro de 2021 ata o 7 de xaneiro do 2022 en horario normal de 9 a 14 horas e ampliado de 8:30 a 14:30 horas.

Para poñer en marcha este servizo o Concello estipula un mínimo de 5 nenos e nenas anotados e un máximo de 15. No caso de superar este número de solicitudes, os beneficarios terán que someterse a un proceso de baremación en función das bases que figura no taboleiro e na sede electrónica do Concello da Lama.

Os obxectivos do “Concilia A Lama 2021” son, entre outros, desenvolver un programa educativo mediante actividades igualitarias, saudables e de respecto pola contorna e o medio ambiente, contribuír ao desenvolvemento persoal e social dos menores a través do disfrute dun lecer saudable, incentivar durante as actividades a responsabilidade e a autonomía persoal dos menores, etc.

Tamén se pretende promover diariamente hábitos de vida saudables a través de xogos e dinámicas lúdicas, realizar actividades específicas que fomenten a igualdade, a convivencia, a integración, cooperación e participación potenciando valores de amizade, compañeirismo e respecto.

Outro dos aspectos fundamentais que persiguen estas actividades será o fomento da sostenibilidade, o coidado do medio ambiente, a reciclaxe e o consumo responsable. Tamén promoverá a corresponsabilidade no ámbito doméstico animando aos participantes a colaborar todo o posible nas tarefas do fogar en función das súas capacidades.

Para máis información sobre a documentación a aportar, solicitudes e requisitos de baremación pódense consultar as bases no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello da Lama (www.https://concellodalama.sedelectronica.es)