Sete nenos e nenas participan no programa «Coeducando en Igualdade» do CIM da Lama para este Nadal

O tenente de alcalde do Concello da Lama, David Carrera, visitou aos nenos e nenas que participan na actividade lúdica de Nadal “Coeducando en Igualdade” que coordina Anias dentro dun acordo subscrito co Centro de Información á Muller (CIM).

Esta iniciativa pretende facilitar nesta datas tan especiais a conciliación familiar ao mesmo tempo que a través do uso de recursos lúdicos e educativos (xogos, dinámicas, obradoiros, actividades, etc.) se pretende que os sete nenos e nenas participantes teñan un achegamento aos conceptos de igualdade e equidade.

No programa participan nenos de entre 3 e 11 anos empadroados no Concello da Lama en horario de 9:30 a 14 horas e están ao cargo da monitora pedagóxica Eva Souto que se encarga de ir introducindo os xogos que van desde favorece-la psicomotricidade dos participantes a fomenta-la súa capacidade creativa e artística mediante o debuxo.

Durante a visita o tenente de alcalde David Carrera aproveitou para repartir entre os nenos e nenas varias cartas para que llelas escriban aos Reis así como o itinerario e horarios de pase con animación de rúa que farán os Paxes Reais o vindeiro domingo día 3 de xaneiro por todas e cada unha das parroquias do municipio onde hai centro socioculutural onde recollerán as peticións dos máis cativos.

Asemade, David Carrera informoulles de que as Súas Maxestades Os Reis Meigos estarán na Alameda da Lama o vindeiro martes día 5 de xaneiro ás 12 horas con tódalas medidas de seguridade para saudar aos máis pequenos da casa.