Comezan en Racelo as obras de construción da nave industrial que albegará o viveiro de empresas do Concello da Lama

O alcalde de A Lama, Jorge Canda Martínez, supervisou o inicio das obras de construción do viveiro de empresas que o Concello impulsa no polígono industrial de Racelo e que conta cun investimento duns 300.000 euros dos cales a Xunta aporta o 80% e o 20% restante afrontarase con cargo ao Plan Concellos da Deputación.

Esta obra afróntase grazas ás xestións realizadas polo alcalde, Jorge Canda, que permitiron conseguir da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia unha subvención de preto de 240.000 euros que facilitará a construción desta infraestrutura que estará especialmente destinada a impulsa-lo nacemento de proxectos empresariais no municipio e que precisan un apoio inicial para o seu desenvolvemento.

A intención do equipo de goberno é ter esta infraestrutura industrial realizada canto antes co fin de que poda entrar en servizo coa maior urxencia posible e dar cabida a algún que outro proxecto empresarial que encaixaría nesta nave que se vai construír e que se porá a disposición daqueles emprendedores que cren emprego no municipio da Lama, máis concretamente no polígono industrial de Racelo.

Segundo Jorge Canda, “este investimento vai supor un paso importante dentro da política de emprego e de industrialización do concello sobre todo nestes momentos tan difíciles que se nos aveciñan despois do Covid-19. Pretendemos contar cunha infraestrutura como esta ao servizo dos emprendedores do noso municipio coa intención de que enraícen os seus proxectos aquí ao tempo que favorezan a creación de emprego na Lama”, asegurou o rexedor.

Canda agradeceu á Xunta presidida polo presidente Feijóo “o apoio que con este tipo de axudas se lle dá ao tecido empresarial no ámbito rural sobre todo para aqueles que están empezando e conseguir unha nave ou unhas instalacións industriais de gran volume resúltalles moi gravosas e inhabilitantes para desenvolve-lo seu proxecto”.

Esta iniciativa permitirá, pola vía do alugueiro, que un emprendedor teña un lugar idóneo e sin ter que facer un grande investimento inicial para arrancar, durante unha etapa inicial, a súa actividade económica e poder desplegar todo un volume de negocio que lle permita garantir un futuro estable para o seu proxecto e os traballadores que se incorporen a esa actividade.

Segundo se desprende da experiencia acreditada sobre este tipo de solucións, os viveiros de empresa son oportunidades para calquera emprendedor que decida iniciar o seu propio negocio. Así, entre o 70 e o 90% das empresas nacidas nun viveiro continúan coa súa actividade despois de deixalo e supón un importante estímulo para quen se instala nunha infraestrutura destas características.