A Xunta concede un Obradoiro de Emprego dual aos concellos de Cerdedo-Cotobade e A Lama cun investimento de 350.000 euros

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, vén de conceder un novo obradoiro de emprego de formato dual aos concellos de Cerdedo-Cotobade e A Lama, pertencentes á bisbarra das Terras de Pontevedra, cun investimento global de preto de 350.000 euros.O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado dos alcaldes Jorge Cubela e Jorge Canda, anunciou esta resolución nunha visita á Casa do Concello de Cerdedo-Cotobade, onde revelou que a terceira edición desta iniciativa laboral autonómica contará, baixo a denominación Lérez-Verdugo 21, cos módulos de Atención Sociosanitaria en Institucións e Forestal-Xardinaría.

“O emprego, xunto coa sanidade e a educación, son os tres grandes eixos da acción de goberno da Xunta e por iso, agora que afrontamos a fase final da pandemia e que se percibe unha boa reactivación, imos investir máis de 6,6 millóns de euros en vinte novos obradoiros na provincia de Pontevedra con especial incidencia nos concellos rurais e do interior”, explicou o representante autonómico, que valorou especialmente a cooperación dos dous municipios para optar a esta liña de axudas.

Este obradoiro de emprego dual, aprobado ao abeiro da convocatoria 2021/2022, contará cunha área formativa en atención sociosanitaria, que centrará a súa actividade no coidado de persoas maiores e dependentes na residencia e no centro de día da localidade de Cerdedo, e no desenvolvemento de tarefas forestais, que incluirá melloras na ruta Cabenca-Cavadosa, no monte veciñal de Filgueira, nas áreas recreativas de Tomonde e Quireza e en diversas zonas verdes e xardíns públicos, así como a creación de espazos de viveirismo.

Esta nova quenda do obradoiro, que comezará agora co seu proceso de selección para iniciar as actividades formativas no vindeiro mes de outubro, contará con vinte participantes entre os municipios de Cerdedo-Cotobade e A Lama, a razón de dez alumnos-traballadores en cada un dos módulos.Todos eles beneficiaranse dunha formación específica durante os próximos nove meses, realizando ademais traballos e servizos de interese xeral e público a prol da sociedade, e ademais poderán optar a prácticas en empresas da contorna ao remate do obradoiro.

“Damos cumprida resposta ao que pide a cidadanía agora que temos a vacinación tan avanzada e que a quinta onda da covid-19 vai quedando atrás. Ofertamos un programa de formación moderno, dual, orientado a xente sen traballo para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante nove meses e que contribuirán ao beneficio de todas e todos con obras públicas e atencións sociais”, concluíu o delegado territorial.