Funcionarios, traballadores municipais e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, en representación do equipo de goberno protagonizaron unha concentración ás 12 do mediodía de 5 minutos de silencio en protesta pola invasión rusa e en solidariedade co pobo ucraíno.
Esta mobilización secundada polo persoal do Concello da Lama foi promovida pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP)
Esta demostración simbólica de rexeitamento ao comportamento da Federación Rusa súmase ás mostras de solidariedade que se están a realizar para facilitar axuda humanitaria. De feito, o Concello da Lama ten previsto enviar mañán, a través da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea o primeiro cargamento de material recollido no Consistorio con destino ás vítimas da guerra de Ucraína.
Un camión será o encargado de recepcionar e trasladar a axuda recollida nos concellos que entran dentro da demarcación da que se ocupa da Agrupación de Protección Civil Oitavén-Tea, é dicir, Mondariz, Fornelos de Montes, Mondariz-Balneario, Covelo e A Lama, con destino a organismos oficiais encargados de facer entrega do material recadado directamente ás persoas.
Entre o material recollido na Lama figuran mantas, medicamentos, alimentos para bebés, gasas, auga osixenada, alcol, leite en po, conservas, alimentos non perecedeiros e de longa data de caucidade, etc .